DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un curso de formación prepara ao profesorado para adaptarse ao Espazo Europeo de Educación Superior

As xornadas revisarán as metodoloxías docentes e os sistemas de avaliación

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 20/11/2008

Nos tempos que corren, máis que nunca é certa a sentencia “renovarse ou morrer”. Precisamente cara esta reciclaxe oriéntase o IV Curso de formación do profesorado, que este ano leva por título As metodoloxías docentes e os sistemas de avaliación universitarios dende a perspectiva do EEES. Tal e como dixo Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do Campus durante o acto de inauguración do curso, o Plan Boloña “está enriba e non hai volta atrás, só queda unha solución: adaptarnos”. Por iso, esta iniciativa dirixida ao profesorado ten como obxectivo analizar as competencias no marco do EEES e como a súa implantación pode mellorar o rendemento do alumnado.Tamén prentende estudar distintas metodoloxías docentes que permiten a consecución de ditas competencias, propor sistemas de avaliación distintos adaptados a este novo marco, coñecer outras dinámicas docentes e animar a un cambio no rol do profesorado.
Nuria Rodríguez, vicedecana de Alumnado e Calidade da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo destacou que “a adquisición de competencias por parte do alumnado é o elemento arredor do cal vai xirar o proceso de ensinanza-aprendizaxe do EEES”. Por iso, os contidos de este curso “van a ser de especial utilidade neste momento que nos estamos adaptando ao novo marco”, concluíu a vicedecana.
Pola súa banda, José Carlos Yáñez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, fixo un repaso as deficiencias que tiña o anterior sistema universitario como a perda de alumnado e o contradictorio aumento de titulacións; a diferenza entre o número de matriculados e de egresados de cada promoción; o desaxuste entre os plans de estudos e as esixencias do mercado laboral e o disgusto coas metodoloxías docentes. “Esta era unha diagnose na que todos estaban de acordo, por iso foi necesario un proceso de reforma”, analizou Yáñez. “O que se tentou facer foi sentar as bases dun novo sistema que atallase estes problemas”, dixo o decano. Para o decano “este é un curso de renovación no que reflexionar e tentar centrar os debates neste novo marco de educación universitaria”.

Catro sesións de reciclaxe

O curso divide as súas sesións en dous grupos, por unha parte os días 20 de novembro, 4 e 5 de decembro, realizaranse xornadas comúns para todos os matriculados nas que se analizarán cuestións relacionadas coas metodoloxías docentes e o novos métodos de avaliación. Por outra banda, os asistentes agrupados por ámbitos de coñecemento, participarán nunha sesión práctica na que se analizarán estes aspectos da ensinanza enfocados ás súas especialidades docentes.
Os participantes nas xornadas recibirán ao seu remate un certificado de asistencia emitido pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa.