DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os docentes da Universidade de Vigo adáptase ao EEES

Un curso de formación revisará os métodos de ensino actuais

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 18/11/2008

A incorporación ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) require un esforzo por parte dos docentes para adaptarse ás novas esixencias e poñerse ao nivel requerido. Con esta finalidade xurde o IV Curso de formación do profesorado: As metodoloxías docentes e os sistemas de avaliación universitarios dende a perspectiva do EEES. As xornadas, destinadas a profesores da Universidade de Vigo, preferentemente, da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense, comezan este xoves, día 20, e teñen por obxectivo “a formación dos matriculados en metodoloxías docentes e avaliación seguindo os postulados do EEES”, explicou Sara Menor, directora do curso.
A adaptación ao Plan de Boloña supón un cambio substancial tanto na exposición docente, como nos criterios de avaliación, “xa que a partir de agora non se van avaliar coñecementos senón competencias”, aclarou Menor. Este cambio nos métodos de ensino é debido a que un dos obxectivos da creación do EEES é que a universidade adecúe os contidos das súas titulacións ás necesidades do mercado laboral, “trátase de preparar aos alumnos para o perfil profesional que lles esixen as empresas”, indicou Menor. Por outra banda, o Plan de Boloña, tamén pretende que exista unha homologación de titulacións, de xeito que os graduados se poidan mover libremente polo territorio da Unión Europea para buscar emprego. No próximo curso, 2009-2010 comezarán a implantarse os primeiros graos, “como é o caso da diplomatura de turismo”, anunciou Menor, por iso é preciso que os docentes estean preparados para este cambio.

Estructura do curso

Os relatorios do curso divídense en dous grupos, por unha parte as dos días 20 de novembro e 4 e 5 de decembro, sesións comúns para todos os docentes matriculados, nas que se tratarán cuestións como a avaliación das aprendizaxes, a experiencia da innovación educativa en ADE-Dereito da Universidade de Valencia e as metodoloxías docentes e os sistemas de avaliación destinados á consecución de competencias no marco da EEES. Por outra banda, os días 15 e 16 de decembro e o 15 de xaneiro terán lugar sesións específicas nas que se realizarán obradoiros de traballo agrupando aos matriculados polo ámbito de docencia no que traballan. Así pois “haberá un grupos de dereito, de organización de empresas, de economía e de filoloxía”, comentou Menor. En cada un dos seminarios explicaranse os temas enfocados cara ás necesidades de cada ámbito.