DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A iniciativa desenvolverase durante os meses de febreiro a maio na facultade de Dereito

Un curso formará a 30 estudantes na xestión de empresas de transporte e loxística

A finalidade é que o alumnado adquira unha formación específica neste sector

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 17/02/2010

A Facultade de Dereito acollerá durante os meses de febreiro a maio o I Curso de Formación en Transporte e Loxística, unha actividade dirixida por Ana María Tobío, catedrática de Dereito Mercantil cuxo obxectivo é proporcionar aos estudantes unha formación específica no sector do transporte e da loxística, moi relevante dende un punto de vista económico. Esta formación capacitará aos asistentes para tarefas de administración e xestión en empresas do sector. Ana María Tobío explica ademais que o curso permitirá aos estudantes que o superen “autorizarse como formadores na materia da loxística e o transporte nos cursos conducentes á obtención do Certificado de Aptitude Profesional (CAP) para os condutores profesionais”. A iniciativa comezará o seu desenvolvemento este venres no salón de graos da Facultade de Dereito cun acto inaugural previsto para as catro e media da tarde para que, de seguido, Miguel Rodríguez Bugarín, director xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, pronuncie a conferencia inaugural. Na actualidade son 30 as persoas inscritas.

Sete módulos teóricos e prácticos que analizan diferentes aspectos do sector

O programa do curso inclúe sete módulos teóricos e prácticos sobre aspectos xurídicos, económicos e técnicos relativos ao transporte e a loxística. Neste punto Ana María Tobío subliña tres por constituír o núcleo central da actividade. Nas súas palabras, “o marco xurídico xeral do transporte, a loxística no transporte e o transporte de mercadorías por estrada”. A directora subliña tamén que a presenza de módulos prácticos na programación persegue unha mellor e máis completa formación do alumnado. “De feito polo curso pasarán diferentes profesionais do sector que darán a súa visión profesional e comentarán o seu caso en concreto sobre case todas as áreas temáticas do mesmo”, asegura.

Universitarios, empresarios e profesores como destinatarios

Este I Curso de Formación en Transporte e Loxística está destinado aos titulados universitarios que queiran obter unha formación xeral como técnicos superiores para a dirección e xestión de empresas, cooperativas e outras agrupacións de empresas de transporte e loxística de aprovisionamento e distribución. Tamén aos directivos, xerentes e técnicos de empresas do sector que queiran mellorar a súa formación e a todas aquelas persoas que queiran exercer como profesores de Loxística e Transporte nos cursos de cualificación inicial CAP e de formación continua de condutores profesionais. De todos estes colectivos Ana María Tobío fai especial fincapé no alumnado porque, nas súas palabras, “o curso vailles permitir capacitarse nun sector moi concreto da economía. Hai que ter en conta tamén que, na actualidade, non existe ningunha formación similar nesta materia de nivel superior en Galicia”.

Docentes e profesionais do sector integran o cadro de profesorado

O profesorado do curso fórmano docentes de universidade e directivos de empresas do sector e de organismos públicos que transmitirán aos asistentes os seus coñecementos nunha rama da actividade empresarial moi necesitada de profesionais. Ana María Tobío asegura que estamos ante unha formación que ten unha demanda importante do mercado laboral. Nas súas palabras, “somos moi conscientes de que as empresas deste sector precisan de forma clara un pulo na profesionalización dos seus activos humanos e este curso tamén debe ser unha chamada a unha maior profesionalización do sector”, declara. A actividade está organizada pola Facultade de Dereito do campus coa colaboración de Apetamcor -Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada-.