DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado pola ETS de Enxeñeiros Industriais e FAIMEVI

Un curso formará a estudantes e profesionais sobre o CTE e a eficiencia enerxética

Afondará na aplicación da nova lexislación sobre a enerxía

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 01/12/2009

O novo Código Técnico da Edificación comprende cambios substanciais na normativa sobre enerxía, certificación e eficiencia enerxética, o que fai necesaria unha formación específica para os titulados e estudantes pero tamén unha reciclaxe para os profesionais da materia. Por este motivo, a ETS de Enxeñeiros Industriais organiza, en colaboración coa Fundación Axencia Intermunicipal da Enerxía de Vigo (FAIMEVI) por segundo ano consecutivo, un curso sobre a aplicación do CTE no eido enerxético. Esta iniciativa desenvolverase a partir da vindeira semana, entre os días 9 e 18 de decembro, e comprenderá tanto módulos teóricos como prácticos sobre regulación, certificación, eficiencia, instalacións térmicas e instalacións eléctricas.
Este curso responde á demanda de formación e información sobre esta nova normativa, tanto entre os estudantes como entre os profesionais, para os que xa é a súa nova ferramenta de traballo. Segundo explica o profesor da ETS de Enxeñeiros Industriais e organizador do curso José Ignacio Armesto, “ao tratarse dun tema recente, que incluso se atopa aínda en desenvolvemento” a resposta en cifras de matrícula adoita ser alta. Para esta segunda edición – xa se desenvolveran outras dúas baixo outro título anteriormente– o número de prazas é de 46 “e agardamos cubrilas todas”.

Alta demanda de formación neste campo

Este curso, de modalidade presencial, comprende módulos tanto teóricos como prácticos, que serán impartidos por profesores da ETSEI, por profesionais colexiados “que son os que realizan proxectos reais deste tipo” e por expertos de FAIMEVI. Estes contidos están orientados especificamente a todo o relacionado coa enerxía dentro da nova lexislación e destinados “tanto a titulados de primeiro e segundo ciclo, como a alumnos da Universidade e tamén a profesionais directamente relacionados coa especialidade, que demandan formación sobre este novo marco lexislativo co que teñen que traballar”, explica Armesto.
Coa experiencia positiva doutros anos, a organización agarda poder repetir o curso no mes de xullo, “xa que de momento se sigue demandando a adecuación dos coñecementos ao CTE”. Segundo apunta, dos preinscritos boa parte son estudantes da ETSEI, “sobre todo da especialidade de Instalacións e Construción” pero un terzo son profesionais, entre os que hai arquitectos e aparelladores”.

Contidos multidisciplinares

O novo código é relativamente recente, “estase desenvolvendo dende hai tres anos no que é unha particularización española da directiva europea e recolle todos os temas enerxéticos relacionados coa edificación. Neste curso, os módulos teóricos afondarán la limitación da demanda enerxética dos edificios, na certificación enerxética, nos principios xerais de aproveitamento da enerxía solar, na contribución solar mínima de auga quente sanitaria, na contribución fotovoltaica mínima de enerxía eléctrica, na eficiencia enerxética das instalacións de iluminación e nas de alumeado exterior.
Boa parte da docencia consiste tamén en módulos prácticos nos que os estudantes desenvolverán un proxecto e realizarán prácticas de certificación enerxética para unha edificación e de eficiencia enerxética en instalacións de alumeado exterior.
O custe do curso é de 165 euros, existindo a posibilidade de solicitar unha bolsa polo importe completo.