DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dentro do Programa de formación permanente do profesorado

Un curso instruirá aos docentes sobre a creación de contidos didácticos en liña

Coñecerán as características e posibilidades do ensino virtual

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 20/01/2009

Nunha sociedade onde o dixital e o virtual forman xa parte de toda a nosa vida, o ensino non pode ser alleo a esta realidade. Por ese motivo e de cara á implantación do EEES e os modelos de docencia que estes sistema implica, as universidades deben ser conscientes do importante papel que as novas tecnoloxías deben desempeñar no ensino. Neste sentido, a docencia virtual e os contidos dixitais son xa unha realidade para unha xeración de estudantes que xa case naceron apegados á internet. Por ese motivo, a súa formación debe tamén incluír e aproveitar as vantaxes e beneficios que ten a docencia on-line, para o que a maioría do profesorado precisa dunha formación específica.
Neste sentido, a Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa, dentro do seu Programa de formación permanente, pon en marcha no campus de Vigo un curso sobre Creación de contidos didácticos para a docencia on-line, para o que a matrícula permanecerá aberta ata o vindeiro tres de marzo.

Modalidade semipresencial

De acordo cos seus propios contidos, este curso terá un marcado carácter semipresencial, cunha duración aproximada de dezaseis horas para a parte virtual e tres sesións presenciais de dúas horas cada unha. Trátase deste xeito de que os profesores da Universidade de Vigo adquiran coñecementos e destrezas para a elaboración e adaptación de contidos para a docencia virtual, tanto exclusivamente on-line como semipresencial ou como complemento para a docencia tradicional.
O curso divídese en catro bloques. O primeiro deles, de carácter presencial e dúas horas de duración, afonda na presentación do grupo e da contorna virtual de aprendizaxe. No segundo bloque, mediante un obradoiro virtual de 16 horas de duración farase unha introdución á creación de materiais e recursos didácticos para a docencia on-line. Este módulo desenvolverase a través da plataforma Moodle da Universidade de Vigo e os seus contidos comprenden a teleformación e as súas vantaxes como modelo educativo, a elaboración dun modelo de curso, a interactividade, as pautas para o deseño de contidos en contornas virtuais, a escritura para web e os novos roles e funcións docentes na aprendizaxe virtual. Seguidamente, o bloque terceiro presencial e dúas horas de duración centrarase no compartimento de experiencias, coñecementos e propostas en ambientes virtuais co fin de promover o intercambio de información entre o profesorado. Para finalizar, unha última sesión presencial a modo de resumo e conclusións servirá para pechar o curso.

Datos de interese

O período de docencia comezará o 4 de marzo, unha vez se peche o prazo de matrícula, e alongarase ata o 31 do mesmo mes. En total serán 22 horas de docencia impartidas por Sonia Álvarez, 16 das cales son prácticas, e ofrécense un total de 20 prazas. Os asistentes recibirán un certificado de asistencia.
Toda a información do curso pode consultarse na Área de posgrao virtual