DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xosé Carlos Caneiro e Ramón Gutiérrez son os seus responsables

O 'Curso de interpretación e creación literaria' cumpre unha década ensinando a escribir

A iniciativa é froito da colaboración entre a Universidade de Vigo e o Concello de Ourense

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 11/05/2011
Detrás dun texto literario, como unha poesía ou un relato, non só se agocha un momento de inspiración, tamén hai coñecementos e destrezas que é necesario aprender a desenvolver. Así o comprobarán os arredor de 50 alumnos do campus de Ourense que participarán no X Curso de interpretación e creación literaria. As marcas específicas da literatura, os elementos estruturais dun conto, os motivos narrativos ou a construción das personaxes serán algúns dos temas que abordarán.

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, salientaba na presentación do curso este mércores a importancia de que a cultura e a educación non se limiten aos contidos curriculares, senón que empapen a formación do alumno como persoa. “O que non coñece a literatura descoñece unha parte moi importante do mundo. Se os alumnos saen deste curso con interese por ler, por coñecer a través da literatura outras realidades, identidades, lugares ou experiencias, será para nós o maior logro”.

O curso celébrase dentro do Programa da Aula Empresa, froito da colaboración da Universidade de Vigo e o Concello de Ourense. Deste xeito, Ana Garrido, concelleira de Educación ourensá, salientaba na presentación a importancia desta cooperación e destacaba que “a permeabilidade da universidade á cidade ten que ser cada vez maior grazas a iniciativas coma esta”.

O que se agocha tralas palabras

Pola súa banda, Ramón Gutiérrez, profesor e coordinador do curso xunto ao profesor Xosé Carlos Caneiro, explicaba que esta edición é a décima do curso, unha década na que centos de universitarios se aproximaron un pouco máis ao mundo literario. “Ao igual que a música se agocha detrás das notas, o significado agóchase detrás das palabras”, explicaba Gutiérrez. E será ese significado o que os alumnos que se inscriban no curso aprenderán a transmitir a través das palabras, das estruturas e dos xéneros literarios.

O curso márcase como obxectivos que os participantes comprendan a singularidade e as características da linguaxe literaria, que identifiquen os elementos estruturais da narrativa, que aprecien a dialéctica entre tradición e renovación no discurso e que valoren o conto literario. Ademais, os organizadores esperan que os alumnos adquiran ou recuperen o pracer da escritura como expresión creativa, desenvolvan os recursos encamiñados a expresarse con precisión e que sexan capaces de contrastar o propio punto de vista co dos outros diante da mensaxe literaria.

Será xa no vindeiro curso académico, do 8 de setembro ao 1 de decembro de 2011, na Facultade de Ciencias da Educación. Ata daquela, os participantes teñen o verán por diante para acumular experiencias e vivencias que logo poderán aprender a transformar en contos ou poemas.