DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O curso sobre o IVE na fiscalidade empresarial consolídase como un referente na súa quinta edición

Impartido polo subinspector da AEAT e profesor da Universidade, José Antonio Fernández

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 22/06/2009

Cunha cifra de matrícula que xa ten superado a barreira dos 70 en anos anteriores e chegando xa á quinta edición, o curso sobre O IVE na fiscalidade empresarial consolídase xa como un referente entre as actividades formativas desenvoltas no campus de Vigo.
Dirixido polo profesor do Departamento de Economía Aplicada, Miguel Rodríguez e impartido polo subinspector da Agencia Española de Administración Tributaria, José Antonio Fernández, este curso ten como finalidade que os asistentes coñezan as características básica sobre o Imposto sobre o Valor Engadido mediante unha análise pormenorizada dos diferentes elementos que regulan este imposto.
Cunha duración de 30 horas, a docencia comezará mañá e alongarase ata o 3 de xullo, estando a matrícula aberta ata hoxe mesmo cunha taxa de 80 euros con posibilidade de solicitar unha bolsa de 20€. O prezo para os bolseiros do MEC e da Xunta é de 60€. Para realizar este curso non é preciso ter ningún coñecemento fiscal previo, polo que esta aberto para todo o mundo.
Segundo explica o seu director, o curso “vai dirixido a todos aqueles que teñan interese en formarse sobre un imposto como o IVE que a priori debería ser un dos mais sinxelos dentro do sistema tributario español e europeo pero que sen embargo se converte na práctica nun dos mais complexos, como consecuencia das múltiples excepcións á norma xeral e o sen fin de casuísticas que a este lle afectan”.

Docencia teórica e módulos prácticos

Segundo apunta Miguel Rodríguez, os contidos serán tanto de tipo teórico, sobre a lexislación que regula o IVE, como prácticos, “onde o alumno terá a oportunidade de ver como hai que xestionar este tipo de impostos no dia a dia da actividade de calquera empresa ou institución”. As clases prácticas representan o 50% dos contidos, e permitiranlle ao alumno coñecer a gran dificultade que implica a xestión deste imposto analizando múltiples situacións e casuísticas diferentes”.
Fronte a outros cursos que optan por impartir a docencia da man de diversos profesores, neste caso as clases serán impartidas por un único profesor, José Antonio Fernández, que ademais de subinspector de facenda na delegación da Axencia Tributaria (AEAT) en Vigo, “o que garante unha calidade excepcional nos contidos impartidos, tanto prácticos coma teóricos”, é tamén un profesor asociado do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo. Tal como apunta o director do curso, Fernández “sempre se ten destacado coma un dos profesores mellor valorados polos alumnos nas enquisas docentes das licenciaturas de Empresariais e Económicas da Universidade de Vigo”.
O programa comprende varios módulos teóricos que comezarán cunha introdución ao IVE e seguirán afondando nas operacións interiores, o tráfico internacional, a base impoñible e os tipos impositivos, as deducións e devolucións e os réximes especiais, simplificado e recargo de equivalencia. Paralelamente, os asistentes realizarán módulos prácticos nos que, a través do estudo de casos, poderán empregar os coñecementos adquiridos na parte teórica.

O respaldo das edicións pasadas e as novidades deste ano

A celebración este ano da quinta edición do curso, permítelle ao seu director facer un balance da experiencia deste anos. Sen dubidalo, Miguel Rodríguez cualifícaa de “moi positiva, pois as enquisas dos alumnos reflicten un grao de satisfacción moi alto cunha valoración global superior a 4 nun baremo que vai do 1 ó 5”. Isto ademais vese reflectido tamén na alta matriculación de alumnos, xa que anos atrás superou os 70 alumnos e o ano pasado de 58 alumnos, “e este ano esperamos chegar a cifras semellantes ás de pasadas edicións”.
Sobre as posibles novidades desta quinta edición, o director sinala unicamente a lóxica actualización dos contidos de acordo coas novidades fiscais ó longo do último ano. Con todo, explica que “é certo que incrementamos significativamente o material entregado gratuitamente ós alumnos. Así, por exemplo, se o ano pasado editamos un libro con material docente de 150 follas aproximadamente, este ano dobraremos esta cifra, mellorando considerablemente o material que quedará a disposición dos alumnos unha vez rematado o curso”.
O prazo de matrícula permanecerá aberto ata hoxe e a información sobre o curso pode consultarse na Área de Posgrao Virtual.