DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Terá lugar na Escola Universitaria de Fisioterapia

O curso de "kinesiotaping" acada a sétima edición con lista de espera para a oitava

24 profesionais especializaranse nesta técnica do 18 ao 20 de xuño

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 25/05/2010

A técnica da kinesiotaping ou vendaxe neuromuscular, caracterizada por buscar a optimización do proceso de recuperación do propio corpo con vendas, pero sen bloquear articulacións, popularizouse grazas aos deportistas de alta competición que comezaron a aparecer na televisión con rechamantes vendaxes de cores. Isto xerou un demanda deste tratamento entre os pacientes e, á súa vez, unha demanda de formación entre os profesionais. Para atendela o profesor da Escola Universitaria de Fisioterapia, Gustavo Rodríguez Fuentes, puxo en marcha o Curso de vendaxes neuromusculares (kinesiotaping) hai dous anos, impartido por José Manuel Fernández Rodríguez, fisioterapeuta e profesor da Universidade de Castilla-La Mancha, e do que se celebrará a súa sétima edición do 18 ao 20 de xuño.
“Habitualmente os fisioterapeutas comezan a experimentar novas técnicas ata que pouco a pouco se consolidan, pero neste caso sucedeu á inversa, e foi a xente quen comezou a solicitar esas vendas de coloríns que chaman tanto a atención”, conta o profesor. A reacción foi inmediata entre os profesionais e por iso as 24 prazas deste curso en cada edición se esgotaron tan axiña como saíu a convocatoria. O profesor Rodríguez Fuentes asegura que ten xa unha lista de espera para cubrir a metade dunha nova edición no vindeiro curso. “Ao mesmo tempo que entrego a memoria de cada vez, xa lle estou pedindo dispoñibilidade de datas ao profesor Fernández Rodríguez para a seguinte”, afirma.
Esta actividade naceu tamén a petición dos profesionais dos equipos deportivos da zona e, aínda que está dirixido tamén ao alumnado do último curso da titulación en Fisioterapia, adoita completarse con fisioterapeutas en activo. A clave do seu éxito reside tamén, segundo Rodríguez Fuentes, no feito de estar concentrado nunha fin de semana, facilitando a asistencia. “A formación existente neste eido en España abranguía ata agora dous ou tres fins de semana, pero xa están comezando a copiar o noso modelo”, salienta o profesor.

Principais aplicacións da kinesiotaping

O curso de vendaxes neuromusculares parte da base de que todos os asistentes teñen coñecementos do tratamento con vendaxes convencionais, para analizar as diferenzas e ver as distintas aplicacións da kinesiotaping. A principal é, segundo o profesor Rodríguez Fuentes, a muscular, exercendo unha acción propioceptiva. “A vendaxe achega unha información de consciencia á musculatura, que activa a circulación e fai que chegue máis sangue, permitíndolle aos deportistas un traballo máis longo, máis forte e máis veloz”, comenta. Alén do ámbito deportivo, emprégase para drenar no caso de xente con trastornos circulatorios e linfáticos. “Tamén proporciona certa estabilidade articular, pero sen fixar, e ten un efecto analxésico”, engade o profesor.