DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dirixido tanto a profesionais do sector como a estudantes universitarios

O Curso de Loxística do Transporte Marítimo consolídase coa celebración da súa 3ª edición

O prazo de preinscrición está aberto ata o 4 de febreiro a través da plataforma Bubela

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 08/01/2009

Para a costa galega, o transporte marítimo preséntase como unha importante opción de desenvolvemento económico e territorial. A futura autopista do mar virá a ampliar estas posibilidades de crecemento e emprego, pero existe unha carencia formativa neste campo que, dende hai tres anos, tenta suplir o Curso de Loxística do Transporte Marítimo.
Con dez módulos centrados en cuestións tanto xurídicas como económicas, este curso pretende ofrecer unha visión ampla, práctica, especializada e actualizada dos principais aspectos relacionados coa loxística e o transporte por mar. Organizado polos profesores Francisco José Torres e Raquel Díaz, esta terceira edición ofrece 30 prazas así como máis horas lectivas e prácticas, asentándose no éxito destas edicións anteriores. Como iniciativa formativa e de reciclaxe, o curso está destinado tanto a traballadores que queiran actualizar e reciclar os seus coñecementos como a estudantes e recen licenciados que queiran completar a súa formación académica. Deste xeito, como destaca Torres, “a matrícula está aberta tanto aos traballadores de empresas do sector como a estudantes ou licenciados en Dereito, Administración e Dirección de Empresas, Ciencias Económicas, diplomados en Relacións Laborais, Ciencias Empresariais e Xestión e Administración Pública”. Con todo, o organizador destaca que nos últimos anos mostraron bastante interese neste curso estudantes de Enxeñaría Industrial, “para completar a súa formación neste campo”.

Dez módulos e cen horas de docencia

Cun total de cen horas de docencia, o curso está dividido nun programa de dez módulos. Os dous iniciais son os máis xenéricos, o primeiro está dedicado a coñecer o principal obxecto da navegación que é o buque. O segundo módulo, tamén introdutorio, explica o medio no que se desenvolve a actividade, o medio portuario. Os oito seguintes son unha combinación de materias variadas que inclúen cuestións económicas do transporte marítimo, a dirección das empresas marítimas, o transporte marítimo, o transporte terrestre, o transporte de contedores, o comercio exterior, as cuestións xurídicas do transporte marítimo e as cuestións xurídicas relativas ao seguro.
Para impartir estes módulos, ademais de profesorado da Universidade, o curso contará coa colaboración de expertos e profesionais de estaleiros, do Porto de Vigo, consignatarias, asociacións ou aseguradoras. De feito, a posta en marcha do curso de Loxística do Transporte Marítimo está promovido por Logidigal AIE, agrupación de empresarios relacionados co Porto de Vigo da que forman parte estibadores, transitarios, transportistas, consignatarios, empresas de servizos como remolcadores, armadores, seguros, bufetes de dereito marítimo ou provisionistas de buques.
Paralelamente, os estudantes realizarán visitas a estaleiros e aos portos de Vigo, Marín-Pontevedra e Leixoês, dentro das actividades programadas nas 56 horas de docencia práctica, “que nesta edición superan ás horas teóricas”, explica Torres. Ademais, os estudantes realizarán análises documentais e casos prácticos cos que se achegarán dun xeito directo á realidade do sector.

Prazos de matrícula

O prazo de preinscrición está aberto ata o vindeiro 4 de febreiro a través da plataforma Bubela, mentres que a matrícula poderase facer efectiva entre o 5 e o 12 de febreiro. No que se refire á docencia, as clases comezarán o 13 de febreiro e rematarán o 22 de maio os venres pola tarde e os sábados pola mañá na sede da Cámara de Comercio, Industria, Navegación de Vigo. Segundo Torres, estas datas son as idóneas sobre todo para os estudantes da Universidade, xa que non coinciden cos períodos de exames nin do primeiro nin do segundo cuadrimestre”.
Outro dos atractivos desta iniciativa é o seu custe, segundo salienta Torres, “xa que ten un prezo público, 400 euros, moi inferior a outros cursos deste tipo, que adoitan estar arredor dos 1000 euros cando a formación é virtual e cun prezo moi superior se é presencial”. Ademais, a Universidade de Vigo pon a disposición dos seus estudantes interesados en matricularse, cinco bolsas de 100 euros. Co curso poden validarse 6.5 créditos de libre configuración.

Programa completo do curso (118.02 Kb)