DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación de Julio Costas, conselleiro da Comisión Nacional da Competencia

O curso de loxística do transporte marítimo pecha edición cun debate sobre a libre competencia no sector portuario

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 28/05/2009

Con motivo da clausura da terceira edición do Curso de Loxística do Transporte Marítimo, o conselleiro da Comisión Nacional da Competencia, Julio Costas, acudirá esta semana a Vigo para participar nunha mesa de debate sobre a libre competencia no sector marítimo-portuario.
Ademais de Costas, a mesa de debate, que se celebrará na sala de conferencias do Centro Social Caixanova mañá venres ás 19.00 horas, contará tamén coa participación de Rubén Marín Gallego, xefe de explotación da Autoridade Portuaria de Vigo, e de Juan Martínez Domínguez, presidente de LOGIDIGAL AIE, a agrupación de empresarios relacionados co Porto de Vigo da que forman parte estibadores, transitarios, transportistas, consignatarios, empresas de servizos como remolcadores, armadores, seguros, bufetes de dereito marítimo ou provisionistas de buques.
O debate, que será moderado polo profesor José Antonio Pérez Torres, terá por obxecto comentar algúns dos aspectos máis relevantes da lei de Portos e a súa proposta de reforma desde o punto de vista da libre competencia, así como poder constatar, a través dun dos membros do Consello Nacional da Competencia, as actuacións deste órgano supervisor ao respecto.
Tras o debate terá lugar a clausura do curso que contará coa participación do Presidente da Cámara de Comercio de Vigo, José García Costas.

29 estudantes recollerán os seus diplomas

En total recollerán o diploma 29 estudantes, entre os que se atopan estudantes recen licenciados e traballadores do sector, tanto en administracións públicas como na empresa privada. “Foi un grupo moi participativo no que apenas houbo faltas de asistencia e si moitas dúbidas e debates nas sesións”, salientaba o profesor Francisco Torres, un dos coordinadores, quen destaca tamén a boa experiencia das saídas de campo que realizaron tanto a estaleiros como a portos.
Cun total de cen horas de docencia, o curso está dividido nun programa de dez módulos. Os dous iniciais son os máis xenéricos, o primeiro está dedicado a coñecer o principal obxecto da navegación que é o buque. O segundo módulo, tamén introdutorio, explica o medio no que se desenvolve a actividade, o medio portuario. Os oito seguintes son unha combinación de materias variadas que inclúen cuestións económicas do transporte marítimo, a dirección das empresas marítimas, o transporte marítimo, o transporte terrestre, o transporte de contedores, o comercio exterior, as cuestións xurídicas do transporte marítimo e as cuestións xurídicas relativas ao seguro.
Para impartir estes módulos, ademais de profesorado da Universidade, o curso contou coa colaboración de expertos e profesionais de estaleiros, do Porto de Vigo, consignatarias, asociacións ou aseguradoras.
Agora pensan xa na próxima edición que se celebrará de febreiro a maio de 2010 e cunha estrutura moi semellante á actual.