DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un curso de nivel avanzado ensinará aos docentes a crear o seu propio sitio web

Desenvolverase ao longo da segunda quincena de setembro

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 26/08/2008

Tomando como ferramenta básica o Dreamweaver 8, os docentes da Universidade que tomaron parte nalgunha das pasadas edicións do curso de Creación de páxinas web, terán a oportunidade de ampliar coñecementos no seminario de nivel avanzado que a Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa organiza para a segunda quincena de setembro. De feito, “este seminario xurde da demanda dos alumnos, que se mostraron interesados en afondar en temas de programación”, tal como explica José Luis Martínez Orge, responsable da docencia e membro do Departamento de Informática.
O obxectivo destas clases é chegar a construír páxinas dinámicas para Internet sen apenas esforzo e sen necesidade de coñecer en profundidade unha linguaxe de servidor. O fundamental será o deseño e a funcionalidade do espazo creado.
Con 20 prazas ofertadas, o curso centrarase nas características fundamentais dos sitios web dinámicos, así como na instalación e configuración dun servidor e dun xestor de bases de datos. Do mesmo xeito, os alumnos poderán crear os seus propios formularios para o envío e almacenamento de información e deseñar páxinas de acceso restrinxido ou xogos de portais mestres para sitios de comercio electrónico.

Un amplo programa de contidos

Tres obradoiros prácticos e sete bloques teóricos dan contido ao programa deste curso que, tras unha edición piloto no campus de Ourense, se imparte por primeira vez no vigués.
Aspectos básicos de PHP, configuración do contorno de desenvolvemento e administración de bases de datos son algúns dos aspectos técnicos que se tratarán. Do mesmo xeito, os participantes elaborarán bases de datos, blogs e galerías de imaxes.