DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo os días 27, 28, 29 e 30

Un curso ofrece unha posta a punto na materia fiscal e contable das PEMES

A matrícula permanecerá aberta ata o día 26 a través da Aula Virtual Bubela

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 20/04/2009

O proceso de harmonización contable está a supoñer para os usuarios desta información un importante esforzo no tocante á formación nas novas normas e criterios de valoración e na adecuación dos procedementos de traballo. Co obxectivo de axudar neste proceso de cambio, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo oferta o curso complementario Peche contable e fiscal para PEMES que se celebrará no centro os días 27, 28, 29 e 30 de abril en horario de 16 a 21 horas.
Esta xornadas están orientadas a ofrecer “unha guía de cales son as principais modificacións, así como os mecanismos articulados para levar estes cambios a cabo”, explica Patricio Sánchez, docente do curso. Así pois, deben ser entendidas non como un repaso á normativa contable, senón como “un manual en termos comparativos con unha clara vocación á práctica e orientado á realidade cotiá das empresas”, precisa Sánchez.
O curso diríxese especialmente a estudantes dos últimos anos das titulacións que oferta a facultade, “os cales deben facer un esforzo por poñerse ao día neste cambio normativo que lles vai a ser imprescindible no seu futuro máis inmediato”. Sen embargo, Sánchez, tamén recomenda ao resto de alumnado a súa asistencia.

Entrando en materia

O curso contempla tanto unha perspectiva propiamente contable como a súa aplicación desde un punto de vista fiscal que “facilite aos alumnos a comprender a clara vinculación entre ambos aspectos”, comenta Sánchez. A programación das clases consta de módulos teóricos e prácticos, no primeiro caso afondarase nas novidades contables, os estados e instrumentos financeiros, o inmobilizado e outras partidas relacionadas, as existencias, provisións e pasivos continxentes, o imposto sobre sociedades e os axustes fiscais sobre o beneficio. No outro apartado, de menor duración, os estudantes traballarán “na elaboración dun suposto práctico completo de contabilidade e outro de planificación fiscal”, explica Sánchez.

Outros datos

O curso conta cun total de 75 prazas que serán cubertas tendo preferencia os alumnos dos últimos cursos das titulacións da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e, a continuación, o resto de alumnado do centro. Posúe un total de 16 horas teóricas e 4 prácticas e será convalidado por un crédito de libre elección no caso dos alumnos que asistan as sesións e realicen a proba de carácter teórico-práctico.
O prezo da inscrición é de 19 euros para o alumnado da universidade e de 80 euros para o resto de persoas. A data de matrícula permanecerá aberta ata o 26 de abril a través da páxina web Aula Virtual Bubela.