DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un curso proporcionará aos docentes ferramentas para xestionar laboratorios informáticos

As clases desenvolveranse no vindeiro mes de setembro

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 11/06/2008

Ensinar aos docentes a xestionar o seu propio laboratorio informático é o obxectivo do curso que a Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa organiza para o vindeiro mes de setembro.
Impartido na ETSE de Telecomunicación, este taller proporcionará aos participantes os coñecementos, métodos e práctica necesarios para organizar, instalar e manexar de xeito autosuficiente un laboratorio informático de carácter xeral. Entre as habilidades que adquirirán os docentes atópase a activación de sistemas de arquivos de datos, a configuración dun servidor central e o establecemento dun nivel básico de seguridade.
O período de matrícula para este seminario, coordinado por Cándido López García, profesor do Departamento de Enxeñaría Telemática, remata o día 1 de setembro, de xeito que a docencia comezará a impartirse na xornada seguinte, prologándose ata o 19 do mesmo mes.

Un completo programa

Tres bloques temáticos dan contido ao programa deste taller. En primeiro lugar, os alumnos recibirán nocións sobre a instalación e configuración dun laboratorio docente a través de cuestións como o equipamento, a instalación de postos de traballo e do servidor. As oito horas seguintes teñen a finalidade de instruír aos participantes na xestión de usuarios, de software e de servizos.
Por último, a lección final tratará sobre seguridade informática. Para isto afondará en temas como a protección do software e dos equipos, o filtrado de tránsito e a política de servizos de backup.

Máis información