DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nos once itinerarios celebrados o número de participacións ascendeu a 1000

Un curso de rutas culturais de sobresaínte

As andainas volverán en outubro con novas propostas e unha selección das mellores realizadas nos últ

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 23/05/2013

Foron once as andainas celebradas por toda a xeografía galega, case 1000 as participación contabilizadas, que non persoas porque son moitos os seguidores que repiten en diferentes itinerarios, ducias os quilómetros percorridos e moita as anécdotas vividas. A edición 2012/2013 das rutas culturais que organiza o Servizo de Deportes da Universidade de Vigo rematan este curso cun sobresaínte, sobresaínte polo cheo de prazas acadado en cada saída e pola satisfacción dos seus participantes. Mentres fan balance da programación realizada, os seus promotores xa preparan novas propostas para o vindeiro curso académico.

“Levamos facendo as rutas culturais desde o ano 1999. Son xa 14 edicións e hoxe en día estamos falando dunha iniciativa moi consolidada e que conta cun público moi fiel, que participa en cada andaina que pode. A nosa maior satisfacción, alén de conseguir chegar ás 1000 participacións, é que notamos que xa existe unha cultura de andar”, destaca José García-Calvo Willy, coordinador das rutas. Entre os participantes, apunta, hai unha maioría de mulleres, arredor dun 60% do total, e unha ampla mestura entre persoas pertencentes ao colectivo universitario e de fóra del.

O maior éxito, a visita ao Courel

As andainas comezaron o día 20 de outubro e remataron o 11 de maio. En Ourense celebráronse cinco dos itinerarios, concretamente por Pozas de Melón-Balenario de Arnoia; por Arenteiro; por San Pedro de Rocas; polo Camiño Portugués, chegando á localidade lusa de Chaves, e por Terras de Cortegada. Da provincia de Pontevedra, os inscritos percorreron Carboeiro-Fervenza do Toxa; Sete Camiños; o CUVI, onde está a sede da Universidade de Vigo; e o Morrazo-Ría de Aldán, onde remataro a edición 2012/2013 das rutas culturais. Na provincia de Lugo, os participantes chegaron á Ribeira Sacra e ao Río Pequeno-O Courel.

“A xoia este ano foi a visita ao Courel. Á xente encantoulle, a pesar do mal tempo e de que nos obrigou a facer moitas horas en autobús. Pola contra, a gran decepción foi o tramo do Camiño Portugués, mal trazado e por riba a maior parte do itinerario era por asfalto”, comenta José García-Calvo. Por ser xa dúas tradicións, entre as actividades celebradas o coordinador das rutas tamén destaca o éxito que tivo a celebración do Magosto, especialmente entre os non ourensáns, que puideron coñecer de primeira man esta festa tradicional na provincia, e a visita á praia na última andaina, onde os máis valentes se puideron dar o primeiro baño do ano.

O vindeiro ano, máis

Os promotores da iniciativa están xa matinando a programación do vindeiro curso. “A nosa idea é facer unha especie de "remake", escoller as cinco ou seis mellores rutas dos últimos anos e repetilas o vindeiro curso, completando a programación con outras cinco ou seis novidades, pois sempre nos gusta ser pioneiros e visitar por primeira vez rutas ou espazos que se abren ou que están a piques de facelo”, apunta José García-Calvo. No deseño desa programación, destaca, unha vez máis mesturarán cultura e deporte, marca diferencial destas rutas, que contan sempre coa participación de monitores do eido da historia e do turismo para enriquecer cada visita, como é o caso de Martín Xosé Vázquez, arqueólogo do campus de Ourense. “Está claro que non é o mesmo pasar polo cruceiro do Hío e simplemente velo que facelo cun historiador che explique o seu significado ou relevancia”, apunta o coordinador dos roteiros, que convida a todas as persoas da comunidade universitaria e de fóra dela a unirse o vindeiro curso académico a estas rutas culturais do Servizo de Deportes.