DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dende o 23 ao 27 de marzo no Castro Caldelas

Un curso de saúde ambiental fomenta a protección e conservación do noso medio natural

Encadrado no "Programa Galego Municipios Saudables e Sostibles 2000-2009"

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 05/03/2009

Despois do seu paso por 38 capitais de comarca e cidades de Galicia, chega ao Concello de Castro Caldelas o XXXIX Curso de Saúde Ambiental, principal actividade formativa do Programa Galego Municipios Saudables e Sostibles 2000-2009 que, dende o 23 ao 27 de marzo, se celebrará no castelo da vila.
O coñecemento do medio ambiente dunha comunidade é un condicionante do seu benestar social, sanitario e económico. Os avances da industrialización e a urbanización deron lugar a problemas ambientais como o efecto invernadoiro, o cambio climático ou a destrución da capa de ozono, entre outros, que é necesario corrixir a través de políticas preventivas que permitan un desenvolvemento sostible. Precisamente co desexo de traballar neste senso, propoñer ambientes saudables e concienciar aos galegos da necesidade de xestionar axeitadamente estes aspectos para mellorar as súas condicións de vida, púxose en marcha o Programa Galego Municipios Saudables e Sostibles 2000-2009. Esta iniciativa acolle baixo o seu paraugas este curso de saúde ambiental que pretende ser “un espazo de formación e reciclaxe de técnicos en medio ambiente e saúde e un foro de debate de todos os axentes sociais implicados na tarefa de protexer e conservar a nosa contorna”, explicou Francisco Peña, director do programa.
As xornadas, nas que participarán unha trintena de expertos de recoñecido prestixio, “converterán á vila en punto de encontro de ambientalistas da Ribeira Sacra e de Galicia”, dixo Peña. No curso, que conta entre outros coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense e da Vicerreitoría do campus, “participarán todos os concellos que integran a Ribeira Sacra, ademais de Monforte de Lemos e Sober”.

Saúde e medio ambiente

As xornadas, que incluirán sesións teóricas e prácticas, darán comezo o luns 23 ás 17.30 horas coa mesa redonda sobre Saúde ambiental para todos: unha esperanza alcanzable no terceiro milenio na que participarán diversos relatores expertos na materia entre os que se conta o propio organizador do curso. O debate xirará arredor dos espazos naturais e protexidos de Galicia e as súas perspectivas de futuro, ofrecendo propostas para mellorar a nosa saúde ambiental.
O martes 24, as actividades comezarán ás 16.30 horas cunha conferencia monográfica sobre os plans de actuación da Confederación Hidrográfica do Miño Sil e de Augas de Galicia na Ribeira Sacra. A continuación, ás 18.00 horas, terá lugar a segunda mesa redonda das xornadas, nesta ocasión o tema será A protección e a mellora da calidade das augas: elemento crítico para a saúde e o desenvolvemento sostible da provincia de Ourense.
A primeira visita práctica será o mércores 25 de 9.00 a 14.00 horas, día no que os participantes coñecerán o bidueiral de Montederramo, os parques eólicos Serra do Burgo e Pena da Cruz e o forno tradicional do Burgo. Xa pola tarde, ás 16.30 horas, continuarán as sesións teóricas coa mesa A xestión dos residuos en Galicia: a súa reciclaxe, reutilización e valorización.
O xoves 26 constará dunha conferencia monográfica sobre os instrumentos legais e financeiros de protección ambiental na Unión Europea e dunha nova mesa redonda na que se falará da actitude da empresa ante o reto ambiental do século XXI.
A xornada do venres 27 comezará ás 9.00 horas cunha viaxe en catamarán polos Canóns do Sil e unha visita á planta de residuos da construción de Xunqueira de Espadañedo. Pola tarde, a partir das 16.30 horas, chegará a última mesa redonda das xornadas que porá en valor o patrimonio natural, histórico e cultural da Ribeira Sacra. O curso pechará as súas portas co acto de clausura e a entrega de diplomas ás 20.00 horas, tras o cal o Concello de Castro Caldelas ofrecerá un viño de despedida.

Anteriores edicións

O Programa Galego Municipios Saudables e Sostibles 2000-2009, baixo a dirección do profesor Francisco Peña e o patrocinio da Obra Social Caixa Galicia, Egael-Fegamp, a Consellería de Sanidade, Sogama e Iberdrola, tivo unha gran acollida en Galicia, “coa participación de 3565 ambientalistas nas 38 edicións que leva ás súas costas este curso”.
A posta en marcha deste programa en Galicia contou dende o principio co apoio do coordinador do proxecto Healthy Cities da OMS e coa acreditación académica das Universidades de Santiago de Compostela e Vigo; así como a colaboración dos Ministerios e Consellerías de Sanidade e Medio Ambiente e das catro deputacións provinciais galegas.