DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Biblioteca Central acolle ata o 16 de outubro unha exposición sobre Harry Potter

O curso tamén arranca en Hogwarts

Reproduce algunhas clases da escola, como feitizos, adiviñación, pocións e herboloxía

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Feiras e exposicións
  • Cultura
DUVI 28/09/2023


Co inicio do curso nas diferentes escolas e facultades do campus, a Biblioteca Central comeza a estar tamén cada vez máis concorrida. Pero desta volta non só por motivos estritamente académicos, senón por unha das exposicións que se organizan ciclicamente nestas instalacións. Desta volta, o protagonista é Harry Potter e a mostra estase a converter nunha das máis atractivas para o alumando, como recoñecen dende a Biblioteca, rexistrando moitas visitas e espertando moito interese. 

A idea xurdiu, explican, porque “tanto o curso universitario como o curso en Hogwarts comezan en setembro e intentamos reproducir algunhas das clases” que se imparten na escola de maxia da saga de Harry Potter, como voo, astronomía, feitizos, adiviñación, pocións e herboloxía. Por exemplo, a clase de herboloxía está decorada cunha selección de plantas recollidas no propio campus polo persoal da biblioteca e a vasoira das clases de voo está feita con xestas apañadas tamén do campus.

Como é habitual nestas exposicións impulsadas pola Biblioteca Central, a mostra acompáñase dunha pequena selección bibliográfica e, para fuxir dos tópicos e non limitarse aos propios libros sobre Harry Potter, “decidimos mostrar unha pequena selección de libros sobre plantas e flores medicinais”. A exposición pode visitarse ata o 16 de outubro.