DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As prazas para a próxima convocatoria xa están cubertas

O curso de vendaxes neuromusculares confírmase como un referente a nivel nacional na súa cuarta edición

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 03/02/2009

En pouco tempo, a técnica da vendaxe neuromuscular ou kinesiotaping ten conquistado a práctica diaria de moitos fisioterapeutas. O xeito en que este método optimiza o proceso de recuperación do propio corpo, faino moi popular tanto entre pacientes como entre profesionais. Hai un ano que o profesor da EU de Fisioterapia, Gustavo Rodríguez Fuentes, organizou o primeiro sobre esta técnica e entre os próximos 13 e 15 de febreiro desenvolverase a cuarta edición, para a que xa están cubertas todas as prazas.
Unha mostra de que o curso funciona ben é o feito de que o seu esquema estea sendo copiado por outros centros do ámbito nacional. “Cando comezamos había cursos en outros sitios de España que dividían as edicións en iniciación e perfeccionamento ou os facían máis longos. Agora todos teñen o mesmo programa que nós”, indica Gustavo Rodríguez.
Segundo explica, a idea do curso xurdiu das “peticións de fisioterapeutas de algúns equipos, como o do Teucro” que buscaban a alguén que os formase en esta técnica, xa que á súa vez “son os propios deportistas os que demandan estas vendaxes”.
Unha vez máis, José Manuel Rodríguez Fernández será o encargado de achegar os coñecementos teóricos, e sobre todo prácticos, sobre o kinesiotaping. Segundo explica Rodríguez Fuentes, “ao final de cada edición repartimos unha enquisa entre os alumnos e o profesor está moi ben valorado”. Unha das claves semella ser a súa disposición a concentrarse nos contidos prácticos. De feito, as únicas modificacións que se introduciron no programa con respecto ás edicións anteriores teñen que ver coa demanda dos participantes. “Se os alumnos traballan fundamentalmente en deportes como o balonmano, centrámonos máis en vendaxes específicas para o tren superior”, sinala o coordinador.

Próximas edicións para alumnos

Non só están cubertas as 24 prazas ofertadas para esta cuarta edición senón que xa existe unha lista de espera para o próximo, que Rodríguez confía en poder realizar en maio. En todas as súas convocatorias a matrícula dá preferencia aos diplomados en Fisioterapia, “aínda que sempre coa porta aberta a alumnos de último ano, se chegan as prazas”. Precisamente por iso, Gustavo Rodríguez manifestou aos alumnos o seu “compromiso de seguir realizando o curso, se existe demanda” para que os acaban de diplomarse poidan introducirse en esta técnica. “En medio ano”, comenta, “a base do deporte vai estar formada e despois poderemos realizar o curso unha vez ao ano para os titulados, xa que esta técnica non é un contido específico da diplomatura”.