DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O seu programa está sendo copiado en toda España

O curso de vendaxes neuromusculares mantén o seu éxito na súa quinta edición

Esta fin de semana na EU Fisioterapia

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 22/05/2009

Chamaron a atención dos espectadores nos Xogos Olímpicos de Pequín e, un pouco antes, algúns se preguntaban que era a estraña e nova tatuaxe dunha icona deportiva e publicitaria como. En pouco tempo, as vendaxes neuromusculares (kinesiotaping) teñen conquistado a pacientes e deportistas e boa proba diso é a celebración da quinta edición do Curso de vendaxes neuromusculares esta fin de semana na EU de Fisioterapia. Desde a primeira edición hai case ano e medio, esta iniciativa do profesor Gustavo Rodríguez achegou a moitos profesionais do deporte base galego a formarse nesta técnica que optimiza o proceso de recuperación do propio corpo, reeduca o sistema neuromuscular e propioceptivo, facilita a drenaxe linfática e reduce a dor. Unha vez máis, o curso ofrece vinte catro prazas especialmente dirixidas aos xa diplomados, coa posibilidade de incorporación de alumnos de terceiro, de quedar vacantes. Aínda así, o coordinador deste curso xa manifestou a súa intención “de seguir realizando o curso, se existe demanda, para realizar unha vez ao ano o curso para os titulados”. E é que o curso se presenta como un complemento ideal e necesario para os novos titulados, xa que non se contempla como contido específico en ningunha materia da carreira.
Como vén sendo habitual, será o fisioterapeuta e profesor da Universidade de Castilla La Mancha, José Manuel Fernández, o encargado de impartir o curso, que formará aos participantes nos principios básicos da aplicación do kinesiotaping e en diferentes estratexias para o seu uso segundo se empregue en músculos, ligamentos, cicatrices…

Programa copiado en toda España

A pesar da súa novidade na nosa contorna, este método apareceu nos anos setenta en Asia e a súa grande aceptación radica en que é unha técnica fácil de aprender e aplicar, require uns custes mínimos en canto a material e é aplicable en todo tipo de pacientes. A metodoloxía do curso ofertado pola Universidade de Vigo, centrada no aspecto práctico, está sendo adoptada por outros centros no ámbito nacional “que antes dividían as edicións en iniciación e perfeccionamento e os facían máis longos”. Visto o éxito do sistema impartido no campus pontevedrés, agora “todos teñen o mesmo programa ca nós”, indica.