DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un curso de verán analiza as posibilidades da arte como inversión

O prezo da arte impártese ata o 25 deste mes

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 23/09/2009

Máis aló do seu valor artístico, histórico e cultural, as obras de arte poden representar unha importante opción como inversión financeira. Para analizar esta perspectiva económica, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias acolle estes día o curso de Extensión Universitaria O prezo da arte, dirixido por Sonia Rodríguez Parada.
Ata día 25 deste mes, profesores da Universidade e expertos e profesionais deste campo, como o director do Marco, Iñaki Martínez, ofrecen, xunto coa perspectiva histórica e estética, un achegamento ao concepto da arte como inversión económica. “Sen dúbida algunha, este enfoque plural, que une arte e economía, constitúe o aspecto máis innovador do curso”, explica Sonia Rodríguez. Pola súa dobre perspectiva, resulta especialmente interesante para alumnos de Ciencias Económicas e Empresariais, pero tamén de Belas Artes, “ofrecendo a oportunidade de diferenciar, con orixinalidade, el currículo académico”, salienta.
De calquera modo, o curso está aberto á sociedade en xeral e, pola experiencia da súa primeira edición celebrada en setembro de 2008, a coordinadora salienta que “o perfil heteroxéneo do alumno resulta outro dos seus aspectos máis enriquecedores”.

Módulos de arte e módulos de economía

En algúns sectores da sociedade, a compra de pezas de artes como inversión é incluso unha tradición e son moitas as coleccións privadas con pezas de alto valor. Casas de poxas como Sotheby’s e Christie’s teñen unha ampla traxectoria na venda de arte, acadando nalgúns casos prezos astronómicos. Pero, cal é o risco deste tipo de inversión?, quen decide o prezo da arte?... Este curso pretende achegar aos asistentes o funcionamento do mercado da arte, os factores que inflúen no prezo das pezas, o papel dos críticos, a fiscalidade destes movementos, os museos e as poxas, comprendendo a creación artística como unha opción de inversión. Entre outros, afondase en casos específicos de artistas de recoñecido prestixio como Jackson Pollock, Pablo Picasso, Francis Bacon, Van Gogh, De Kooning ou Andy Warhol.
Nos módulos centrados na arte, apunta a coordinadora “tomando como fío condutor os cadros máis caros da historia da pintura, analízase o perfil biográfico e artístico dos seus autores, por exemplo, Jackson Pollock coa súa obra Number 5 encabeza o ranking. A obra alcanzou a espectacular cifra de 140 millóns de dólares nunha venta privada xestionada por Sotheby's en Nova York fai tan só 3 anos”.
Nos módulos de economía, pola súa banda, “trátase a arte como inversión, o mercado de compra venta da arte, os fondos de inversión en arte, a valoración de obras de arte a través de prezos hedónicos, a fiscalidade, como se organiza unha mostra artística, a auditoría do patrimonio artístico dunha empresa”.
Ao longo dos seis días de seminario, os relatorios corren a cargo de expertos e profesionais como o profesor Eduardo Giménez; a tamén profesora Susana Cendán; o director do Marco, Iñaki Martínez ou Francisco Rodríguez de Prado, docente na facultade de CEE.
Ademais, segundo explica a coordinadora, “visitamos distintos espazos de arte da nosa cidade, como a Colección Caixanova, a Fundación Caixa Galicia ou o Museo de Arte Contemporáneo de Vigo”.