DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Preto de 30 estudantes participan en BBAA no curso ‘Facendo físico o intanxible’

Un curso de verán para explorar e cuestionar o que a impresión tridimensional achega á arte

A súa aplicación en procesos escultóricos é un dos eixos do seminario

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 13/06/2018

Coñecer e experimentar coas posibilidades creativas que os sistemas de modelado e impresión tridimensional supoñen para o ámbito das artes, e máis concretamente nos procesos escultóricos, pero ao mesmo tempo reflexionar e cuestionar o que estas tecnoloxías dixitais poden achegar á creación artística. Estes son dous dos obxectivos centrais de Facendo físico o intanxible. Introdución á impresión dixital tridimensional, o curso que, no marco das propostas formativas de Extensión Universitaria impulsadas pola Vicerreitoría do campus para este verán, se desenvolve nestas semanas na Facultade de Belas Artes.

Preto de 30 persoas, boa parte delas estudantes desta facultade, aos que se suman alumnado procedente do ámbito das enxeñarías e persoas alleas á comunidade universitaria, asisten desde a pasada semana á primeira edición dun curso que, como sinala o seu responsable, o investigador da Facultade de Belas Artes Ignacio Pérez Folgado, busca promover un achegamento “á tecnoloxía dixital tridimensional máis centrado no ámbito do proceso creativo e do proceso escultórico”. 

Un achegamento, sinala, “partindo desde cero”, que abrangue tanto unha introdución aos diferentes recursos informáticos que permiten traballar con estruturas tridimensionais como a todo o proceso de captación de imaxes 3D, por medio de librarías en internet, escáneres tridimensionais ou fotogrametría. Nocións ás que se suma o propio traballo práctico no modelado de estruturas tridimensionais, empregando Blender “un software de código aberto moi amplo, que se emprega para animación 3D”. 

Da experimentación á reflexión

Máis alá deste primeiro achegamento a ferramentas que “poden chegar a ser moi complexas, dependendo das inquedanzas de cada quen”, outro dos obxectivos do taller é reflexionar sobre as posibilidades e as implicacións destas tecnoloxías no proceso artístico e creativo, “sempre falando dentro do ámbito escultórico, porque xa teñen moito bagaxe en ámbitos como a animación ou os videoxogos”. Nese senso, un dos contidos abordados na primeira sesión foi precisamente unha “posta en común” de como outros artistas de diferentes perfís “están traballando con estas tecnoloxías e sobre todo, ver como están afectando á hora de crear ou cuestionarse cousas dentro da arte contemporánea”, así como a posible influencia que na obra final poidan ter tecnoloxías que implican “cambios nos procedementos”.

Posibilidades a aplicar en proxectos propios

“Simplemente son unha ferramenta máis, que podes utilizar ou non, como pode ser unha máquina de soldar, a idea é coñecela e ver as súas posibidades”, engade o responsable dun curso que nese senso trata de que este achegamento e experimentación con estas tecnoloxías se poña en relación cos propios proxectos do alumnado. “A idea é que cada un vaia traballando nos seus propios proxectos e facer unha posta en común cando xurde algunha dúbida, algunha modificación...”, salienta o responsable dun curso que si ben non ten como obxecto traballar na propia impresión de pezas, si proxecta completarse cun achegamento á esa fase final de impresión. “O máis importante era dar a coñecer este recursos, falar dos problemas que pode haber á hora de imprimir...”, ou mesmo afondar nos posibles usos destas estruturas tridimensionais máis aló da súa conversión nun obxecto físico, explica Pérez.