DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Todos os martes dende o 23 de xuño ao 28 de xullo

Un curso de verán introducirá á cidadanía na observación astronómica

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noelia V. Vilanova DUVI 02/06/2009

Estamos cos pés tan pegados ao chan que ás veces esquecémonos de que enriba das nosas cabezas tamén existen fermosas paisaxes. Por iso o curso de verán de Introdución á observación astronómica convídanos a botar unha ollada cara o ceo e descubrir as marabillas que alí se agochan. Entre os obxectivos deste obradoiro, que se enmarca dentro da celebración do Ano Internacional da Astronomía, atópase o de “reivindicar o ceo nocturno como patrimonio paisaxístico da humanidade, algo que nas cidades temos bastante oculto debido á contaminación lumínica, entre outras causas”, comenta Humberto Michinel, director do curso. De xeito máis concreto, o obradoiro fomentará o interese pola observación astronómica e a astrofotografía, dando a coñecer as bases desta disciplina.
O curso está orientado á poboación ourensá en xeral, seguindo coa filosofía que caracteriza ao campus de abrirse cara a cidade e actuar como dinamizador social. A través deste obradoiro, os estudantes aprenderán dende “como montar un telescopio ata cales son as diferentes técnicas de observación segundo o que se queira mirar: a lúa, os planetas, ceo profundo...”, pasando pola explicación dos diferentes corpos celestes que se poden observar e chegando ata a astrofotografía, “que consiste en conectar unha cámara a un telescopio e conseguir sacar fotos dos diferentes elementos do ceo”, apunta Michinel.
O curso comezará a partir do 23 de xuño e continuará todos os martes ata o 28 de xullo, “en total son seis sesións de cinco horas cada unha”, explica Michinel. Conta cun total de 40 prazas e a matrícula permanecerá aberta ata este venres 5. Os prezos de inscrición oscilan entre os 90 euros para o público en xeral, 67,50 euros para a comunidade universitaria e 45 euros para os alumnos que sexan bolseiros do Ministerio de Educación.

Desenvolvemento do curso

As clases teóricas terán lugar de 20.00 a 21.00 horas e nelas expertos en astronomía ofrecerán relatorios sobre distintos aspectos da materia. José Antonio Álvarez e Juan Carlos Garrido, presidente e secretario da Asociación Astronómica Astroourense, falarán en varias sesións do ceo nocturno como patrimonio da humanidade e das técnicas básicas da astrofotografía de planetas e de ceo profundo. Por outra banda, dende a Universidade de Vigo, o propio Michinel ofrecerá unha clase sobre a sincronización dunha cámara CCD cun telescopio, “que consiste en empregar una cámara como se fose unha webcam, conectala ao telescopio e a un ordenador e realizar un vídeo de observación”. O outro conferenciante do curso é Salvador Bara, profesor titular da Área de Óptica da Universidade de Santiago de Compostela, que se encargará de impartir unha sesión sobre a astrofotografía da lúa.
A sesións de observación e toma de imaxes darán comezo tras un descanso para a cea e unha vez que caia a noite, “aproximadamente sobre as 22.00 horas, aínda que hai que ter en conta que estamos nos días do ano que máis tarde anoitece”. Estas sesións prácticas realizaranse observatorio situado no tellado do Edificio Politécnico que dispón de cinco telescopios. No caso de que as circunstancias meteorolóxicas non o permitisen, a sesión de observación esta sería trasladada a outro día da semana previo aviso aos alumnos.