DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dunha actividade inserida na Cátedra Jean Monnet ‘European Institutions and Citizens’

Un curso virtual formará ao alumnado na tramitación de proxectos europeos

Dirección e Xestión Pública acolleu tamén un obradoiro sobre a UE

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Internacional
  • TIC
  • Académica
DUVI Pontevedra 28/03/2023

Definido polas propias institucións comunitarias como o “maior paquete de estímulo xamais financiado en Europa”, os fondos Next Generation permitiron observar nos últimos meses a existencia dun perfil laboral con alta demanda, o de persoal con experiencia na tramitación de proxectos ou axudas nas plataformas dixitais da Unión Europea. Con esta idea como punto de partida, un curso virtual buscará iniciar ao alumnado, dun xeito práctico, na elaboración e xestión de proxectos para concorrer a convocatorias promovidas pola UE. De carácter gratuíto e aberto, trátase dun obradoiro inserido nas actividades da Cátedra Jean Monnet European Institutions and Citizens: Adapting the UE to the digitalisation, que dirixe o profesor da Facultade de Dirección e Xestión Pública Celso Cancela e no que se enmarca tamén o coloquio sobre as políticas comunitarias que protagonizou neste centro José Manuel Blanco, subdirector xeral de Análise e Programación da Dirección Xeral de Exteriores e Relacións coa Unión Europea da Xunta de Galicia.

“O obxectivo é achegar o alumnado ao principal portal de xestión de proxectos da Unión Europea”, sinala Cancela, que impartirá este obradoiro xunto á directora da Área de Proxectos Internacionais de Educación da Oficina de Proxectos Internacionais da UVigo, Eva Garea. Este curso de cinco horas desenvolverase de xeito virtual, a través de Campus Remoto, nas tardes do martes 18 e o xoves 20 de abril. Trátase dun taller “cunha dimensión claramente aplicada e práctica”, como sinala Cancela, pensado principalmente para “familiarizar” ás persoas participantes co manexo do portal, pondo o foco non tanto “na formulación ou no fondo dun proxecto” como na súa tramitación. O seu obxectivo, engade o director da cátedra, é que o alumnado “vexa alternativas e opcións laborais”, e para iso combinará unha introdución teórica sobre a Unión Europea e as políticas públicas, coa abordaxe práctica dos aspectos básicos para elaborar e presentar unha proposta a unha convocatoria europea, o manexo das plataformas dixitais e os “pasos clave para a formulación de proxectos na contorna dixital”.

Orientado principalmente a estudantes de titulacións como Dirección e Xestión Pública, Dereito, Economía ou Administracións e Dirección de Empresas, así como a empregados públicos e ao público en xeral, este curso virtual mantén aberta a súa inscrición na plataforma Bubela ata o medodía do propio 18 de abril.

As políticas europeas no día a día

Tamén no marco desta cátedra financiada pola Comisión Europea, Dirección e Xestión Pública acolleu este luns un coloquio dirixido a afondar no que implican a día de hoxe as políticas comunitarias, a través da "dilatada experiencia no traballo con temas europeos de José Manuel Blanco", salientou Cancela. “Do que tratamos é de que vexades en que afecta a Unión Europea ao día a día de Galicia”, sinalou o docente no inicio dunha actividade que tivo como punto de partida as preto de tres décadas de traballo na administración galega deste xurista, economista e politicólogo, que se encarga, como explicou, de “defender á Xunta nos expedientes europeos”. Nese senso, Blanco González afondou neste coloquio na incidencia que ten a UE nas políticas autonómicas, con exemplos como o que implican as directrices comunitarias en ámbitos como o medio ambiente ou a pesca. “Practicamente todas as consellerías que se dedican a áreas económicas están condicionadas nunha moi alta porcentaxe polas medidas europeas”, concluíu este subdirector xeral, que ao mesmo tempo ten centrado tamén nas políticas comunitarias e nos asuntos internacionais boa parte da súa produción como escritor e articulista. De feito, alén da súa propia experiencia profesional, esta actividade permitiu tamén a Blanco González sinalar que a UE “é un proceso en construción, que aínda non está pechado e que ademais ten unha forza expansiva”, de tal xeito que, lembrou ao alumnado, “vai condicionar a actividade” das novas xeracións.