DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Hoxe e mañá na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación

"Curtas.gz" dedica a súa terceira edición á promoción dos novos creadores galegos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Camino Carballeira DUVI 14/05/2009

Primeiro foron as creacións da década dos oitenta; na segunda edición, o proxecto continuou ata o comezo do século XXI e desta vez, os creadores máis novos e tamén aqueles con algunha experiencia no sector audiovisual son protagonistas de Curtas.gz. Estas xornadas, nacidas a partir da iniciativa do estudantando dos Comités co obxectivo de coñecer a evolución do cinema en Galicia, inauguraron este xoves a súa terceira edición coa inauguración oficial por parte do decano en funcións da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Xulio Pardellas, e a proxección das primeiras pezas.
O decano quixo lembrar unha peza sobre os muíños escrita por Neira Vilas para invitar a “agarrarnos á nosa cultura e lingua”, a tomar conciencia “da necesidade de defendelas”. Pola súa parte, Olaia Rodil, representante dos Comités no campus, recordou que esta iniciativa pretende “servir de punto de encontro para o debate e promoción da creación audiovisual galega” e xa deu paso á difusión das primeiras curtas do programa A guerra dos grelos, de Marinha de Toro e Sara Calvete, ex alumnas do centro, e Chourizos e Augardente, de Javier Martínez. O ciclo, que atende a catro áreas temáticas distintas (terror, documental, animación e humor) comezou con dúas pezas desta última categoría. Para afondar no debate dous dos actores de A guerra dos grelos, Nani Matos e Uxía Crespo, achegarónse á facultade para compartir a súa experiencia. Os dous loubaron as motivacións dos novos creadores para embarcarse neste tipo de proxectos sen apenas axudas económicas e destacaron “a falta de prexuízos” coa que os mozos están a traballar. “Unha xeneración que pode achegar moito porque viviu máis pegada á realidade audiovisual”, indicou Crespo.

Humor e terror

A xornada continuou coa tónica humorística, desta vez con tintes surreais, coa proxección de Entorrados, de Germán Tejado, A xinecóloga, de Alfonso Camarero e Incomunicados. Coa sesión vespertina chegou o turno do terror da man de catro curtas: O hospital, de Iván Seoane; O inquilino, de David González; Por nada, de Toni Veiga; e Canicas de Ghaleb Jaber.
Curtas.gz continuará mañá coa súa programación, cos documentais e as curtas de animación como protagonistas. A casa de Lola de Andrés, de Olaia Sendón; A fábrica, de Marcos Nine ou O pintor de ceos, de Jorge Morais serán algunhas das pezas que se proxectarán no salón de actos da facultade.