DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus e Down Ourense desenvolverán un programa con este obxectivo

Dando pasos para a integración laboral de persoas con discapacidade

Dous beneficiarios adquirirán na Universidade experiencia no desenvolvemento de tarefas profesionais

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 02/12/2013
O campus de Ourense realiza anualmente unha convocatoria para que asociacións sen ánimo de lucro da cidade presenten propostas para o desenvolvemento dun programa específico de integración laboral de persoas con discapacidade. Este curso, Down Ourense foi a entidade elixida entre as participantes. Froito do convenio de colaboración que se establece entre a Universidade de Vigo e a entidade gañadora da convocatoria, dúas persoas con discapacidade intelectual estarán durante seis meses no campus adquirindo experiencia no desenvolvemento de determinadas tarefas profesionais co obxectivo de dar un paso máis para a súa futura inserción laboral.

“Na convocatoria deste ano recibimos máis solicitudes que nunca e todas elas dunha calidade moi alta, o que demostra o éxito desta iniciativa e a súa consolidación. A nosa é unha pequena axuda pero agardamos que co traballo que realiza a entidade beneficiaria se poida facer algo tan grande como é avanzar na inclusión no ámbito laboral de persoas con discapacidade intelectual”, explicou María Lameiras na reunión mantida este luns xunto a Alberto Vaquero, director da Área de Descentralización do campus, coas representantes de Down Ourense Silvia Álvarez e Susana Rodríguez. A finalidade deste programa, destacaron os seus responsables, é promover a integración das persoas con discapacidade na sociedade e conseguir que adquiran unha experiencia no desenvolvemento de determinadas tarefas profesionais de cara a lograr a súa progresiva integración no mercado laboral e alcanzar así graos maiores de autonomía e independencia persoal.

Fomentando a autonomía persoal

A entidade seleccionada xa foi anteriormente beneficiaria desta convocatoria e, amosando a súa satisfacción polos resultados obtidos daquela, as súas representantes destacaron a súa confianza en que de novo o proxecto sexa un éxito. Down Ourense, lembraron, é unha entidade sen ánimo de lucro constituída para a promoción e a realización de actividades que contribúen á mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e procura a súa plena integración familiar, social, educativa e laboral, como é o caso deste proxecto co campus de Ourense. Grazas a el, dúas persoas con discapacidade intelectual seleccionadas pola entidade poderán estar durante seis meses, doce horas á semana, no campus de Ourense, unha na conserxería do Edificio Xuridico-Empresarial e outra no Pavillón de Deportes, onde xa teñen de anos anteriores experiencia en acoller a persoas que veñen a colaborar no traballo diario na Universidade en base a esta convocatoria. A súa incorporación, trala selección dos perfís e a aceptación por parte dos beneficiarios e das súas familias de participar no programa, será inminente e prolongarase durante o segundo cuadrimestre.

As persoas con discapacidade, destacaron os promotores deste programa, constitúe un sector da poboación que precisa de garantías suplementarias para vivir con plenitude de dereitos e para participar en igualdade de condicións que o resto de cidadáns na vida económica, social e cultural. Un dos aspectos máis importantes na integración destas persoas é acadar que logren unha autonomía persoal que lles permita alcanzar o maior grao de independencia posible, cobrando especial relevancia o desenvolvemento de programas orientados á súa inserción no mercado laboral. “Nesta sociedade cabemos todos e todas e desde a Universidade tamén traballamos a prol da integración laboral de persoas con discapacidade intelectual”, apuntou María Lameiras.