DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Está previsto que se convoquen eleccións dentro de seis meses

Daniel Martí colle as rendas de CCSS e da Comunicación coa meta da total adaptación ao EEES

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijoo DUVI 21/03/2011

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación comeza unha nova etapa co relevo no seu decanato. O profesor Daniel Martí foi nomeado pola Secretaría Xeral da Universidade para dirixir o centro durante os próximos seis meses, data na que se convocarán novas eleccións. Tras pecharse o prazo de presentación de candidaturas o pasado 22 de febreiro sen ningunha proposta, o reitor, Salustiano Mato, seleccionou ao segundo profesor máis antigo do centro despois de Xulio Pardellas, quen xa asumira o papel de decano en funcións en 2009. Mantendo o mesmo equipo decanal, a súa prioridade céntrase en continuar coa implantación dos estudos de grao “do mellor xeito posible cos recursos dispoñibles”, explica Martí.

O novo decano en funcións declarou que vai centrar todos os seus esforzos en continuar co proceso de adaptación ao EEES, “potenciando e validando a boa oferta que ten o centro de graos e mestrados”. Para Martí a preferencia é a oferta académica “pois aínda temos que continuar coa implantación de terceiro e cuarto de grao tanto de Publicidade como de Comunicación o que se traduce en ano e medio de intenso traballo”. Defende por riba de todo a necesidade de ofrecer unha aprendizaxe ao alumnado acorde cos perfís profesionais que demanda Europa e “totalmente adaptada aos cambios que se están demandando, porque queremos que os nosos estudantes se inclúan dentro desa competencia”, subliña. Recoñece que non é unha etapa fácil, pois “imos a traballar con orzamentos moi axustados, pero tamén contamos cun grupo de docentes moi novos, o que significa un excelente activo”, engade.

Aposta pola continuidade

Daniel Martí decidiu apostar polo equipo decanal que xa viña traballando co anterior decano en funcións, Fortunato Rodríguez, xa que “a xestión non precisa de cambios, todo funciona bastante ben”, aclara. Deste xeito, o profesor Celso Cancela continuará como vicedecano de Xestión Económica e Infraestruturas, Juan Manuel Corbacho como vicedecano de Alumnado, mentres que no vicedecanato de Calidade a profesora Aurora García deixará paso a Fortunato Rodríguez que durante o mandato de Xulio Pardellas xa se encargara de Asuntos Económicos.

Mais, o novo decano en funcións si que considera fundamental que “cada un dos vicedecanos represente e estea ao fronte da coordinación de cada un dos tres graos que se imparten no centro”. Así, Fortunato Rodríguez encargarase do grao en Comunicación Audiovisual, Juan Corbacho do grao en Publicidade e Relacións Públicas e Celso Cancela do grao en Dirección e Xestión Pública.

Quixo deixar claro que a súa xestión, que vai tentar compatibilizar co seu labor de profesor, non ten como obxectivo principal “lograr acordos para unha próxima proposta decanal”. Como estipula a Lei de Procedementos Administrativos, o novo decano en funcións deberá celebrar eleccións dentro de seis meses e no caso de que se volva repetir a falta de candidaturas “eu continuarei ata cumprir un ano pero o equipo decanal actual xa puxo como condición que este mandato sería o último”. Mais, ante a posibilidade dunha futura renovación de representantes de alumnado e profesorado na Xunta de Facultade do centro antes de final de ano “fai posible que apareza nova xente que nos queira substituír”, conclúe.