DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Da man da Universidade de A Coruña

Danza e teatro poñen punto e final á XIII Miteu

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Jessica Fdez. DUVI 28/04/2011
A XIII Mostra Internacional de Teatro Universitario, Miteu, que comezou o 11 de abril, baixa esta tarde o pano no Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria. O peche das xornadas corre a cargo dos mozos e mozas das aulas de danza e teatro da Universidade de A Coruña que, coas obra Rede na rede e Nunca durmo respectivamente, deixaron un bo sabor de boca a un público que puido gozar do traballo dos universitarios.

A encargada de iniciar a xornada este mediodía foi a danza Rede na rede, obra dirixida por Rut Balbís pero creada en conxunto polos catro integrantes da aula coruñesa coa música de Collage musical e o texto de Sonogro. Esta obra ofreceu unha reflexión sobre as novas formas de relacións humanas xurdidas ante o auxe das redes sociais en Internet, convertidas nos medios de comunicación máis utilizados na actualidade en todo o mundo.

Xa pola tarde, o teatro volverá o protagonista da Miteu. A Aula de teatro da Universidade de A Coruña interpreta no Vidal Bolaño Nunca durmo, obra creada e dirixida por Rubén Ruibal e interpretada por un elenco de doce actores e actrices. O escrito, inspirado nos textos de Pessoa, encadrase como poema, peza musical e incluso como soño ou pesadelo, sensacións que, por outro lado, tentarán transmitir ao público alí presente.

Valoración final

Tal e como afirma Alfonso Caride, técnico de Actividades Culturais "A Miteu é unha mostra do traballo realizado polas aulas de teatro das universidades a nivel Internacional, o que atrae tanto ao público vencellado á Universidade como ao resto da sociedade viguesa, polo que o éxito foi rotundo".

Nesta XIII Miteu, as xornadas dividíronse en dous períodos diferenciados pola procedencia das aulas de teatro. Na primeira semana, o escenario recibiu aos actores e actrices de diferentes universidades de fóra de Galicia, que incluía a actuación de artistas marroquíes coa obra Marathon de femmes pero que "non se puido realizar por problemas cos visados que impediron a viaxe da compañía", como subliñou Alfonso Caride. Pese a todo, esta primeira semana puidose gozar de obras coma O teatro…onde?, Bernarda: represión ou liberdade ou Los españoles bajo tierra. Xa na segunda semana do ciclo, foron as compañías das universidades galegas as que coparon o Teatro Vidal Bolaño.