DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O creador José Fernández ofreceu este xoves un anticipo do obradoiro que impartirá sobre reciclaxe d

Como darlle unha segunda vida a esa camiseta que xa non nos gusta

O obxectivo da iniciativa é amosar a "customizar" prendas con materiais comúns e con técnicas sinxel

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 07/02/2013

Dous folios e unha cera de cor. Este é todo o material que se precisa para "customizar" unha camiseta que xa non nos gusta e darlle así unha segunda vida útil. Como?. Recortamos nun folio o debuxo que nos gustaría pór nela, poñemos o folio enriba da camiseta e afiamos unha cera de modo que as lascas se espallen polo oco do debuxo e sobre a camiseta. Tapamos todo con outro folio, pasámoslle o ferro e retiramos os dous folios, quedando a cera integrada na camiseta coma se fose tinta e coa forma escollida. Esta e outras técnicas serán explicadas polo creador José Fernández nun obradoiro de reutilización de roupa que comezará o día 20 de febreiro e do que este xoves deu un anticipo na cafetaría do Edificio Politécnico do campus de Ourense.

“O obxectivo deste curso é ensinarlle aos participantes a "customizar" a súa roupa. Trátase de coller esa peza que xa non usamos porque hai algo nela que non nos gusta e facerlle uns pequenos cambios para que a poidamos volver a pór cando menos outra tempada máis”, explica José Fernández. Estes cambios, destaca, poden facerse con materiais que están a disposición de calquera persoa e empregando técnicas sinxelas para as que non fai falla especial destreza, só algo de paciencia e canta máis creatividade mellor.

Como anticipo das técnicas de corte, estampación e cosido que explicará aos asistentes ao obradoiro, Fernández realizou este xoves na cafetería do Politécnico dúas actividades. A primeira delas foi o da transferencia con ceras e a segunda delas consistiu na substitución nunha camiseta do debuxo que traía de fábrica por un novo deseño personalizado. Para facelo, os que se achegaron ata o posto de Fernández primeiro debuxaron nun folio o deseño desexado, logo o cortaron sobre unha tela e finalmente o coseron por riba do debuxo que se quería tapar. Deste xeito, subliña, “unha peza de roupa cun deseño pasado de moda pasa a ter un estilo moi actual e moderno, ademais de ser diferente a calquera que se poida atopar no mercado. É única e orixinal”.

Barato, ecolóxico e creativo

En tempos de crise económica, apunta o docente do obradoiro, e sendo o orzamento dos universitarios normalmente axustado esta reutilización pode ser unha boa opción para sacarlle máis proveito ao roupeiro persoal. O feito de que ademais se trate dunha oportunidade para levar unha peza cun deseño especial e único e que hai detrás unha filosofía de reciclaxe son outras dúas bazas que fan desta "customización" da roupa unha faceta moi atractiva para os máis novos.

Aínda que as técnicas son sinxelas, apunta, “é importante ir probando e colléndolle o truco a cada unha delas, non hai que preocuparse se a primeira vez non sae ben”. Para aqueles que prefiran aprender guiados polos consellos de Fernández, aínda están a tempo de inscribirse no curso Reinterpreta a túa camiseta: taller de reciclado e creatividade, que forma parte da programación de obradoiros deste cuadrimestre no campus de Ourense. Con 15 prazas dispoñibles e 30 horas de duración, o seu custe é de 30 euros para os membros da comunidade universitaria e 40 para o público xeral, recoñecéndose dous créditos de libre elección e un de ECTS.