DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Últimos día para inscribirse nesta actividade de orientación laboral

Darse a coñecer aos empregadores, obxectivo dun obradoiro

Dirixido ao alumnado do Grao en Dirección e Xestión de Empresas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 26/04/2010

A adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) facilitou o inicio dunha nova titulación na Universidade de Vigo, única no Sistema Universitario de Galicia, como é o Grao en Dirección e Xestión Administrativa. Con este motivo a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, centro no que se imparte, ofrece un obradoiro de orientación laboral dirixido ao alumnado desta nova formación baixo o epígrafe Coñécete e date a coñecer aos teus empregadores. O profesor Celso Cancela, coordinador desta actividade, explica que ten como obxectivo “darlle a coñecer ao alumnado as ferramentas básicas para unha busca activa de emprego”. Deste xeito, os asistentes analizarán da man de profesionais da dirección e da xestión pública os elementos de empregabilidade (a forma de acceso ás diferentes organizacións públicas e privadas, o perfil profesional necesario e as tarefas que se realizan, etc.).
O obradoiro terá lugar o vindeiro mércores día 28, en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.00, na sala de xuntas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Na sesión da mañá técnicos de emprego da Oficina de Orientación ao Emprego (OFOE) da Universidade achegaranlle información práctica ao alumnado, como o xeito de elaborar correctamente unha carta de presentación ou un curriculum vitae e como afrontar entrevistas e probas de selección. Na sesión vespertina abriranse conferencias coloquio con profesionais de administracións públicas, de empresas de consultoría, de entidades non lucrativas e de colexios profesionais.
Restan dous días para inscribirse nesta actividade enviando os datos persoais ao enderezo electrónico obradoirodxp@gamil.com.