DUVI

Diario da Universidade de Vigo

6000 mozos e mozas nos festexos da patroa de Ciencias Sociais e da Comunicación

Darth Vader abandona a galaxia para conquistar Santa Kata'11

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 28/04/2011

Baixo o sol primaveral e ante a atenta mirada de Darth Vader, un ano máis o campus de Pontevedra énchese de diversión coa celebración de Santa Kata, a festa que o alumnado de Ciencias Sociais e da Comunicación organiza co gallo da súa patroa, Santa Catalina de Siena. Este ano, os concertos e actividades “da festa de referencia universitaria do campus pontevedrés”, como explican os organizadores, trasladáronse ao Recinto Feiral da cidade, unha circunstancia que non lle restou afluencia. Tanto é así que estiman que que estiman a asistencia en arredor de 6000 persoas xa que “a través das redes sociais tiñamos confirmados xa a máis de catro mil persoas”.A fórmula do éxito, música para todos os públicos, actividades lúdicas, sorpresas baixo a temática de A guerra das galaxias "coa visita de Darth Vader", e por suposto, comida e bebida, ata ben entrada a tarde.

Como xa mostraran na programación cultural, o mundo de Star Wars “conquista a Santa Kata 2011”. Como consecuencia, todos os produtos de merchandising que teñen en diversos puntos de venda “levan ilustracións da película”, ofrecendo sombreiros, camisetas, chisqueiros, chapas e “ata bolsos, novidade deste ano”, destaca unha das organizadoras. Iso si, non faltan “os praceres terreais para alimentar ás máis de seis mil bocas que pasarán por aquí” cunha gran variedade de bocadillos e bebidas refrescantes, “imprescindibles para combater tanto calor”.

Tarde musical

Un dos piares fundamentais dos festexos son os concertos musicais, cunha variedade de grupos que amenizarán a festa durante toda a tarde. The Siberets, All Less One, The Inspectors, Funk'n Bastards e De Buena Tinta foron as agrupacións escollidas. Ademais, dous dj´s completan a oferta musical “ofrecendo temas alternativos aos concertos de rock”. En Santa Kata 2011 tamén participan membros do Festival Rock and Clown que se celebrará o 14 de maio na Estrada, que deleitarán aos presentes “cun espectáculo de variedades e cun sorteo de entradas”.

Medidas de seguridade

Para garantir as medidas de seguridade, os festexos contan coa colaboración do Concello de Pontevedra e da Policía Local “que patrullará pola zona para reforzar a vixilancia da organización e controlar o consumo de alcol por parte de menores”, explica Daniel Martí, decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.