DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Repite un ano despois de iniciar a súa campaña "700 camisetas contra la leucemia"

David Gil emprende unha nova marcha solidaria para fomentar a doazón de médula ósea

Percorrerá por estrada os 33 quilómetros que separan Vigo de Pontevedra

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Esmeralda L. Castro DUVI 09/06/2010

Hai un ano David Gil, licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, que foi traballador do Servizo de Deportes da Universidade, emprendeu unha marcha solidaria polas sete principais cidades galegas co obxectivo de fomentar a doazón de médula ósea. Daquela completou 500 quilómetros en 10 días para repartir 700 camisetas contra la leucemia, que era tamén o lema da súa campaña, polos hospitais de Vigo, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol, Lugo e Ourense, un agasallo para cada novo doante.
Agora asegura que moitas desas camisolas aínda permanecen nos hospitais esperando a que haxa persoas que, unha vez informadas, decidan dar o paso para formar parte do rexistro de doadores. Con este motivo o vindeiro sábado 12 de xuño, de novo coincidindo coa que sería a data de aniversario de seu irmán Fran, falecido por leucemia, realizará o percorrido por estrada entre Vigo e Pontevedra, 33 quilómetros en total, para lembrar esta necesidade e manter informada a sociedade sobre ela. O acto está apoiado polo Club Fitness Metropolitan de Vigo e intentará poñer en marcha, tanto correndo como camiñando, a unhas 60 persoas, polo que Gil anima a todos os universitarios a participar. “O obxectivo segue sendo o mesmo, sensibilizar á xente sobre este tipo de doazón, que non está tan en voga como a de órganos ou a de sangue”, salienta. Para todos aqueles que se decidan a dar o paso Gil sinala que “é unha tipo de doazón alternativa, que non supón ningún risco, que se fai en vida e que significa a única posibilidade para moitas persoas de salvar a súa vida”.

Motivación na propia experiencia persoal

A idea de transmitir esta mensaxe solidaria a través do deporte naceu en David pola vivencia persoal da enfermidade do seu irmán. Malia que a súa recuperación non foi posible, naquel momento os dous decidiron que merecía a pena abrir unha vía para ofrecer información sobre a doazón de médula ósea. “Chega moi pouca información ás nosas mans, polo que desde 2004 ambos emprendemos unha cruzada para sensibilizar á sociedade, sobre todo ás persoas que por fortuna nunca tiveron cerca un familiar ou un amigo que lles fixese sentir nas súas propias carnes a desgraza de que un ser querido se vaia apagando porque non atopa un doante compatible”, relata. Despois do falecemento do seu irmán continuou só este labor para alentar a todas as persoas a levar adiante o acto altruísta de inscribirse no rexistro de Doadores Non Relacionados de Médula Ósea (Donormo).
O resultado da marcha poderá seguirse a través da páxina de Facebook da campaña, que demostra que esta iniciativa pasou do persoal ao colectivo con máis de 6000 seguidores.