DUVI

Diario da Universidade de Vigo

David o Gnomo celebra o seu vinte aniversario nas IV Xornadas da comunicación e do deporte

Varios expertos serán os encargados de impartir dez relatorios entre o 25 e o 26 de outubro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Noemí Rey DUVI 21/10/2010

O deporte no senso máis amplo da palabra, dende os patrocinios ata torneos ou como gravar cámara en man a subida a un 8000 sen morrer no intento. Estes serán algúns dos temas que se debatirán nas IV Xornadas da Comunicación e do Deporte, organizadas pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra e que se celebrará os vindeiros 25 e 26 de outubro. Nesta edición os protagonistas serán os nenos. “Queremos centrarnos en eventos dirixidos aos rapaces cos que transmitirlles os valores máis esenciais”, comentou Ana Belén Fernández, directora da Área de Extensión Cultural e Estudantes e das xornadas.

En total dez poñentes entre os que estará Carlos Biern, vicepresidente de BRB Internacional, unha axencia española de animación "culpable" de éxitos como o mítico David o Gnomo, que xusto o día que Biern fai o seu relatorio cumpre 20 anos de existencia. A súa conferencia centrarase noutra das creacións da casa, o despistado oso Berni, e como educar sobre o deporte para todos os públicos a través do entretemento. Neste mesmo sentido irán os relatorios de dous expertos no tempo de lecer dos máis pequenos: o director do Festival El Chupete, Rodrigo Ron, e o membro do comité organizador da festa deportiva HQR, David Acevedo.

Outro dos pratos fortes da xornada será o relatorio de David Pérez, membro do equipo de Al filo de lo imposible da Televisión Española, que contará o que supón ter que rodar en plena acción, cámara en man nos lugares máis extremos. “Sen dúbida será unha das conferencias que máis poidan interesar aos alumnos de Ciencias Sociais e da Comunicación”, explicou Fernández.

Ao longo destes dous días tamén pasarán polas xornadas o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, que falará do patrocinio nos eventos deportivos poñendo como exemplo o caso do Xacobeo 2010. Un tema sobre o que tamén profundarán tres axencias de publicidade, que porán enriba da mesa o papel da publicidade nos eventos deportivos, a importancia da participación de deportistas famosos ou o patrocinio como un reto de comunicación, como no caso do Desafío Cruzcampo.

A parte máis deportiva estará en mans de Alfonso Seoane, director corporativo da Federación Española de Baloncesto, cun relatorio sobre A organización de eventos deportivos dirixidos ao público infantil, como os certames de minibasket. Tamén versará sobre educación e deporte a conferencia dos integrantes do Grupo Editorial SM, entre os que se atopa o ex xogador de fútbol sala profesional Julio García.

Relatorios de balde

A xornada inaugural comezará o vindeiro 25 de outubro ás 09.30 h no salón de actos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra e a asistencia aos relatorios convalidarase cun crédito de libre configuración. A inscrición farase cubrindo a ficha que se pode descargar da web do campus de Pontevedra e enviala a campuspontevedra@uvigo.es.