DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación representantes da administración, empresas e ecoloxistas

Un debate na Facultade de Bioloxía pon fronte a fronte as principais oportunidades e ameazas dos transxénicos

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 20/05/2009
No mes de abril miles de persoas manifestáronse en Zaragoza contra os cultivos transxénicos, aqueles que son modificados xeneticamente. O debate científico y social sobre os efectos que estes cultivos teñen sobre a biodiversidade e sobre a saúde humana está cada vez máis presente na rúa. Ao fío desta controversia a Facultade de Bioloxía acolleu un debate para achegar á comunidade universitaria as dúas posturas sobre as que se vertebra o conflito: os que formulan dúbidas e reclaman un debate ético e os que defenden a súa rendibilidade e inocuidade.
Para expor a primeira postura, defendida sobre todo por bioagricultores e ecoloxistas, achegáronse ao campus dous “activistas”, tal como eles mesmos optaron por denominarse: Tom Kucharz, da asociación ecoloxista Verdegaia, e Mª Xosé Ogando, da Plataforma Galega de Antitransxénicos. No lado contrario, contouse coa participación de José Ignacio Ortega Molina, do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Marino, e Conchi Novilla, técnico de asuntos regulatorios e científicos de Monsanto, unha das principais industrias impulsoras das sementes transxénicas.

A seguridade, tema recorrente para ambas partes

O debate, que contou cunha activa participación do público, partiu dunha primeira rolda de intervencións na que, intercalando pareceres, cada participante estableceu os seus principais puntos de vista. Kucharz foi o primeiro en intervir e esgrimir as principais razóns polas que estes alimentos representan, segundo defendeu, unha ameaza para a agricultura. Entre outras cuestións, negou que estes cultivos supoñan aumentos na produción e denunciou o elevado impacto que teñen sobre o medio ambiente, “algo que cada vez está máis demostrado”, asegurou, pero sobre todo, fixo fincapé en que o “seu cultivo supón someter á poboación a un perigoso experimento a gran escala, xa que a manipulación xenética pode producir efectos imprevistos totalmente nocivos para a saúde”.
En representación da administración, José Ignacio Ortega defendeu as importantes vantaxes que supoñen estes cultivos para os agricultores, xa que significan un “importante aumento da calidade e unha maior resistencia ás pragas”. Para Ortega foi grazas á biotecnoloxía que a produción mundial de alimentos no século XX permitiu “alimentar á poboación”. Segundo defendeu, non é lóxico que en España se prohiba a produción destes produtos modificados xeneticamente e “logo os importemos a gran escala porque son absolutamente necesarios, entre outras cousas, para a supervivencia das explotacións gandeiras”. Apoiándose na numerosa lexislación que sobre o tema ten realizado a Unión Europea, considerou que este tipo de produtos non deben ser discriminados con respecto ás plantas tradicionais.
En resposta á actitude defendida por Ortega, a representante da Plataforma Galega Antitransxénicos, Mª Xosé Ogando, recalcou o feito de que nos están empregando como "coellos de indias", en referencia a que “ os alimentos transxénicos que xa estamos comendo non están etiquetados como tales e, polo tanto, ton temos posibilidade de identificalos ou evitalos”. Tamén resaltou a competitividade da agricultura ecolóxica, se ben, “o problema é que a agroquímica está subvencionada e a xente non pode competir con un produto que conta con múltiples axudas públicas”.
En representación de Monsanto, Conchi Novillo, defendeu o “impecable historial” de seguridade destes produtos, que ademais, permiten “evitar as enormes perdas que producen as pragas”. Desde o seu punto de vista, o importante crecemento en hectáreas cultivadas demostra o elevado interese dos agricultores nestes produtos, “sobre todo nas zonas produtoras de millo afectadas polos ataques de taladros”.
O debate, moderado pola xefa de prensa da Universidade, Mª del Carmen Echevarría, contou tamén coa participación do decano da facultade, Pedro Pablo Gallego, que foi o encargado de explicar que son os produtos transxénicos e en que consiste a enxeñaría xenética.