DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun congreso en Vigo sobre a diagnose e a terapia

Debate internacional sobre a revolución da nanotecnoloxía aplicada á medicina

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 12/11/2007

A posibilidade de traballar con partículas un millón de veces menores que un milímetro abre unha infinidade de posibilidades en campos tan diversos como a informática, a enerxía ou a medicina. Para debater sobre as repercusións desta revolución da nanotecnoloxía na diagnose de enfermidades e no seu tratamento, estase a celebrar na cidade de Vigo un congreso no que se dan cita investigadores de todo o mundo.
Segundo salientou o Reitor, Alberto Gago, na inauguración desta xuntanza “a nanotecnoloxía abre enormes posibilidades para a innovación científica”, pero este é un campo cun amplo futuro por diante que aínda está por explotar. Así, referiuse Gago, a que é moi posible que as posibilidades reais vaian máis aló do que podería parecer ficción.
O futuro da medicina ten a ollada posta na detección precoz das enfermidade, como seixo de atallalas e poder ofrecer un tratamento eficaz. Neste sentido, a nanotecnoloxía pode a solución aportando novos materiais, dispositivos e sistemas que conten con funcións especiais derivadas do “nano”. Estes beneficios no campo biomédico derívanse das propiedades dos materiais que compoñen as nanopartículas como son as magnéticas, fluorescentes, biodegradables ou termorregulables.
Para estudar todos estes avances este Simposio Internacional de Nanotecnoloxía en Medicina “reúne a expertos internacionais neste campo arredor dun programa diverso”, explicou a profesora África González, unha das coordinadoras do mesmo. A profesora do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía destacou o interese que este congreso suscitou o que “nos levou a superar as expectativas de participación. González tamén animou aos asistentes a visitar a exposición de fotografía científica sobre o nanomundo na Estación de Renfe, que coordinada polo profesor Luis Liz, está enmarcada nos actos da Semana da Ciencia.

Un ámbito de plena actualidade

Este congreso internacional está organizado pola Fundación Ramón Areces, en colaboración coa Universidade de Vigo. O representante desta fundación, Julio R. Villanueva, salientou que no último mes teñen colaborado en outros dous simposios sobre a nanotecnoloxía, “o que deixa ver que se trata dun tema de actualidade e de gran interese”.
Con todo, o traballo neste campo aínda está comezando e faise imprescindible a implicación neste eido dos novos científicos, xa que unha das finalidades deste congreso é amosar aos investigadores mozos as enormes posibilidades desta nova ciencia.
Durante a xornada inicial deste luns e a do martes abrangueranse temas como a aplicación da nanotecnoloxía á diferenciación celular, conferencia impartida polo profesor Josep Samitier, do Laboratorio de Investigación en Nanoenxeñaría de Barcelona, que foi o encargado de abrir as sesións.

Diagnose in vitro e in vivo

As nanopartículas permitirán na diagnose in vitro a detección de hormonas, drogas, toxinas ou anticorpos específicos a partir dunha mostra pequena e nunha sola vez, o que posibilitará a renovación das técnicas actuais de cara a outras máis rápidas e fiables.
No que se refire á diagnose in vivo, as nanopartículas biodegradables farán posible aumentar o contraste nos métodos ecográficos, con novos sistemas que xa se están desenvolvendo. Ao tempo facilitarán a creación de novos fármacos, fármacos de liberación controlada ou o uso de nanorobots. Con todo, os investigadores aínda deben determinar o grao de rexeitamento do sistema inmune ou alerxias, pero semella que están a nacer novas tecnoloxías para a detección, visualización e movemento a escala micro e nanométrica do interior do organismo.
Para afondar nestes campos, a xornada do martes contará con expertos de nivel internacional como Marina Dobrovolskaia, do National Cancer Institute dos EEUU, Carl Batt, do Nanobiotechnology Center da Cornell University, ou o profesor da Universidade de Vigo e director do CACTI, Luis Liz.