DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O desfile no que o alumnado de Esdemga presenta os seus proxectos terá lugar o xoves 22

Debut levará á pasarela máis de 50 coleccións creadas polo alumnado

O evento enmárcase nunha semana de talleres e conferencias centradas na moda

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 12/11/2018

Nacido co obxectivo de conectar ao alumnado que remata os seus estudos en Esdemga co ámbito profesional, o desfile Debut celebrará o vindeiro xoves 22 no Pazo da Cultura a súa décimo segunda edición, na que a presentación das coleccións que constitúen os proxectos de fin de estudos de 15 novas egresadas na titulación que se imparte na Facultade de Belas Artes veranse complementadas sobre a pasarela por outra serie de proxectos realizados no marco deste título propio e, por primeira vez, do máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, o que fará que sexan máis de 50 as coleccións que integren este desfile. “Debut é un proxecto de escola”, salientou a directora de Esdemga, Lola Dopico, na presentación dun evento que se ve rodeado dun programa de talleres e conferencias co propósito de facer de Debut “unha semana arredor da moda pensada desde múltiples puntos de vista”.

Unha semana que dará comezo o vindeiro luns 19 coa celebración, na Facultade de Belas Artes, dos primeiros workshops e se pechará o venres 23 na Vicerreitoría do campus coas Xornadas Técnicas de RRHH nas que as novas tituladas manterán unha serie de entrevistas con responsables dos departamentos de recursos humanos de diferentes firmas do sector. Esta programación foi presentada este luns na Casa das Campás, nun acto no que o vicerreitor do campus, Jorge Soto, salientou a vontade de Debut de “achegar á Universidade á cidadanía a través dalgo moi importante para nós como son os estudantes” e de facelo nun evento que reúne cada ano, lembrou, preto de 1800 persoas no Pazo da Cultura. Un evento que, ao longo da súa historia, exhibiu as coleccións preto de 200 titulados e tituladas, engadiu a concelleira de Cultura, Carme Fouces, quen salientou que Debut “é unha actividade moi complexa que marca un estándar de excelencia acorde co que intentamos que Pontevedra represente e proxecte”. Pola súa banda, a decana de Belas Artes, Silvia García, salientou o positivo que é para o alumnado da facultade poder participar nun evento que supón para eles e elas “unha oportunidade para introducirse no mundo profesional da moda e a creación”. 

Mostras que representan o final e o inicio dun camiño

O desfile do día 22 terá como eixo central os traballos de fin de estudos de Pilar Alegría, Ana Micaela Fernández, Raquel Barbosa, Claudia Baum, Miriam Cartagena, María Cores, Susana Fall, Paloma García, Iria Ginebra, Nohemi Pérez, Sara Pérez, Inti Núñez, Sasha Ratkovic, Alicia Rea e Sara Vázquez, as 15 novas egresadas que amosarán sobre a pasarela unha serie de “coleccións de características moi diferentes”, como recoñeceu Dopico. Coleccións que optarán un ano máis aos premios que outorga a empresa Jesús Peiró e que serán avaliadas por un xurado integrado pola fundadora da consultora East Foward Innovation Isabel Cantista; pola responsable e o deseñador de Camper Creative Network Adriana Rodríguez e Jumpei Ushiyama; polas responsables do Bilbao International Art and Fashion (BIAF), Charo Álvarez e Rocío Sánchez, e pola deseñadora italiana Patrizia Fabri.

Nun segundo bloque, o desfile completarase coa presentación de 18 proxectos realizados o pasado curso polo alumnado da primeira promoción do mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda, outras 16 propostas realizadas polas alumnas e alumnos de segundo curso de Esdemga e dos tres proxectos realizados por grupos de estudantes para o exercicio académico Brand By Us. Deste xeito, tanto aquelas que se atopan a piques de completar os seus estudos, como os alumnos e alumnas que acaban de inicialo “todos teñen algo que pór enriba da mesa”, salientou Dopico, quen incidiu na motivación que este desfile supón para o alumnado e para a propia titulación. “Sérvenos para facer un punto de inflexión e de reflexión do que facemos durante todo o curso”, apuntou. 

Unha semana dedicada á moda

A programación de Debut abrangue un ano máis unha serie de talleres dirixidos a reforzar a formación do alumnado de Esdemga en determinados campos, como por exemplo, a preparación e realización de editoriais de moda, a través dos workshops sobre maquillaxe e tratamento dixital da fotografía que o luns impartirán, por unha banda, Silvia Fervenza e Guy Pranzili e, por outra, Clara Hidalgo. Trátase, como lembrou Dopico de talleres que repiten presenza no programa de Debut “porque tiñan moito interese”, como acontece tamén co taller sobre técnicas artesanais de intervención nun tecido que imparte Inés Rodríguez, de Rir & Co. Por outra banda, este programa de workshops suma tamén á deseñadora italiana Patrizia Fabri, “unha sombrereira artesanal” que ten traballado recentemente para firmas como Givenchy ou Gucci e que impartirá un taller sobre creación de sombreiros; así como a ex-alumna de Esdemga Elena Rial, que hai dous anos era premiada na pasarela para novos talentos da Madrid Fashion Week e que impartirá o martes un seminario sobre deseño dixital téxtil.

“Para nós é unha oportunidade moi interesante e un orgullo que xente formada aquí volva a casa para compartir o que aprendeu”, salientou Dopico da presenza de titulados e tituladas nun evento que completa a conferencia A moda é arte, a arte é moda, que impartirá o luns na Casa das Campás José María Paz Gago; e os coloquios sobre a plataforma WGSN e o BIAFF que ofrecerán Ivonne Sotreras e Charo Álvarez e Rocío Sánchez. Así mesmo, as Xornadas Técnicas de RRHH do venres veranse complementadas polo relatorio A entrevista como oportunidade, que impartirá a captadora de talentos de Inditex Ana Salán.