DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esdemga organizou unhas intensas xornadas profesionais coas principais firmas do sector

Debut2013: da maxia da pasarela ao engarce co mundo profesional

“Ilusionada e moi satisfeita”, a flamante gañadora, Elena Rial, amósas,e aberta a todas as posibilid

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
D. Besadío DUVI 22/11/2013

O persoal de recursos humanos de firmas como Inditex, Adolfo Domínguez, Desigual, Carolina Herrera ou Purificación García entrevistou este venres ás novas tituladas e titulados da Escola de Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galiza, Esdemga. A cita era na Casa das Campas e alí estaban todos desde primeira hora da mañá. Rostros cansos porque a semana foi intensa, e nas horas previas ao Debut2013 os nervios foron moitos, pero agora o importante, é convencer da súa valía e deixar “ben claro que xa formamos parte de toda unha nova xeración de creadores”, subliñaba un dos alumnos, mentres desde o equipo docente os informaban das entrevistas para as que foran seleccionados cada un deles.

“É unha xornada moi intensa que sirve de engarce co mundo real aos nosos novos titulados”, subliñou a directora dos estudos, Lola Dopico, ao remate dunha semana “moi enriquecedora na que tanto o alumnado como o equipo docente aprendemos moito”. En relación a este encontro profesional, Dopico fai fincapé en que Galicia posúe unha industria téxtil das máis potentes de España “e, dende aquí, traballamos para facilitarlle ao noso alumnado ese camiño de encontro co mundo profesional”.

Elena Rial:“ilusionada e moi satisfeita”

“Ilusionada e moi satisfeita” a flamante gañadora de Debut2013 Elena Rial acudiu “cansa pero entusiasmada” a cada unha das entrevistas. “Aínda estou un pouco nas nubes”, admitía tras ter realizado xa a súa primeira entrevista, neste caso coa firma Bimba & Lola. “Estaba un pouco nerviosa pero penso que todo foi ben”, recalca esta nova promesa da moda, unha moza de apenas 23 anos, nacida en Mos e sen ningún contacto previo co mundo da moda e do deseño. “Foron tres anos de estudo que pasaron moi rápido, nos que tentas sacar o máximo partido de cada unha das actividades que levamos a cabo”, recalcou Rial, que, ao respecto da súa experiencia no Debut recalca que “é neste proxecto onde realmente tes toda a liberdade do mundo para crear algo propio que reflicta verdadeiramente o teu propio estilo”. Agora ve o futuro “con optimismo e aberta a todo tipo de posibilidades, o importante é ir abrindo camiño”.

Xunto a Rial son moitos os compañeiros que agardan entre entrevista e entrevista. “Para nós é un día moi importante”, admitía Rodrigo Pintos. “Como non selo se nos dan a oportunidade de que os principais responsables do sector no que queremos traballar vexan os nosos traballos e escoiten as nosas propostas”, recalcou entusiasmado tras finalizar unha entrevistas con profesionais de Inditex. “Zara, Pull & Bear... a calquera apaixonado do mundo da moda como somos nós lle gustarían iniciar en sitios coma estes o seu camiño profesional”. Ao seu carón agarda Pilar Ullod, con formación previa no mundo da xoiaría, quen admite que a súa prioridade é “atopar un traballo e estas xornadas dannos a oportunidade de visualizar como é o mundo da empresa desde dentro”.

Ampliando contactos a nivel internacional

Foi o ‘broche de ouro’ a unha semana que se iniciou con diferentes talleres profesionais e que brillou especialmente na noite do xoves cun desfile “no que alumnas e alumnos tiveron a oportunidade de presentar os seus proxectos ante miradas moi expertas acostumadas a analizar as últimas tendencias nas principais cidades do mundo”.

O intercambio de experiencias continuou antes e despois do desfile e das entrevistas. “Cada alumno recibe unha valoración detallada destes profesionais sobre o seu proxecto”, recalcou a responsable dos estudos, que subliña que “nós como escola tamén aprendemos moito”, subliña, ao tempo que fai fincapé en que se trata dunha ocasión “inmellorable” para seguir ampliando os contactos da escola a nivel internacional. “Para nós é unha satisfacción enorme ver como moitas firmas de renome a nivel global teñen xa esta cita no seu propio calendario de outono”, engadiu.