DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade fai balance nunha xornada da actividade empresarial baseada na investigación

Unha década e 25 spin-off despois

Promotores de empresas en funcionamento intercambian experiencias con futuros emprendedores

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 26/03/2015

Hai dez anos, en marzo de 2005, Esteban López puña en marcha AZtecA Consulting de Ingenería. En xullo dese mesmo ano e por iniciativa de Fernando Vázquez xurdía Imatia S.L. A creación de spin-off, empresas baseadas en resultados de investigación producidos na universidade e con implicación de persoal docente e investigador, ten a súa orixe na Universidade de Vigo unha década atrás. Transcorrido ese tempo, o número de spin-off chegou a acadar as 25, repartidas entre os ámbitos científico (10), tecnolóxico (13) e social (2), cunha progresión, que mesmo algún ano coa creación de ata tres empresas, supera a media das universidades españolas, que se sitúa en pouco máis dunha spin-off/ano.

Con tamaños diferentes, ámbitos de traballo distintos e éxitos e fracasos ás súas costas, os e as promotoras destas empresas, das que 23 seguen hoxe en activo, foron este xoves os protagonistas dunha xornada de transferencia, na que mesturados con outros e outras docentes e investigadoras que están a estudar a posibilidade de crear as súas propias spin-off, tiveron ocasión de relatar as súas experiencias e expresar en voz alta as súas demandas. Ao longo de case catro horas os participantes nesta xornada de transferencia puideron poñer en común diferentes cuestións en relación cun proceso que Esteban López, docente e investigación do departamento de Deseño na Enxeñaría e promotor da primeira empresa creada na Universidade de Vigo, considera “unha aventura complexa para os académicos”, pero que José Luís Legido, catedrático do Departamento de Física Aplicada e promotor, xunto a Carmen Gómez, de Peloides Termales S.L, anima a “que o fagan”.

Así, ata preto de 40 docentes e investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo deixaron esta mañá constancia na xornada desenvolvida no edificio Miralles do campus de Vigo das súas experiencias y expectativas en relación cunha actividade sobre a que o reitor, Salustiano Mato, asegurou no inicio da xornada, que se insire no programa de actos de celebración do 25 aniversario da institución académica, “temos unha asignatura pendente que é como mellorar o acompañamento aos promotores destas iniciativas cando xa están en marcha, como abrir pontes para que podan transitar por camiños que lle permitan desenvolver a súa actividade”. Un proceso que Mato considera fundamental para que a institución acade a confianza dos e das promotoras e así “sintades o orgullo de unir a vosa marca á Universidade de Vigo”, dixo o reitor, que destacou a importancia da celebración deste tipo de actividades, que tamén se formulan como unha homenaxe “aos e ás nosas traballadoras emprendedoras”.

Da que facturou 2,5 millóns de euros á que está a piques de nacer e busca clientes

Finalizada a intervención do reitor, foron os e as participantes na xornada os que tomaron a palabra para relatar as súas experiencias como impulsores de spin-off, así como para deixar constancia das súas expectativas sobre a posibilidade de iniciarse no mundo empresarial.

2,5 millóns de euros chegou a facturar Imatia S.L,unha spin-off impulsada polo docente e investigador do Departamento de Enxeñería de Sistemas de Automática Fernando Vázquez. “O noso grupo de I+D comezou a medrar e chegou un punto que xa non cabía”, explicou Vázquez sobre as orixes desta empresa centrada no desenvolvemento rápido de software para empresas e administracións públicas e que na actualidade emprega a 60 persoas. Pola súa banda, a catedrática do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía e impulsora de Nanoinmmunotech África González, recomendou aos e ás futuras promotoras de spin-off que busquen a alguén con experiencia na empresa, “algo que os académicos non temos e que resulta fundamental neste campo”. Unha idea na que coincidiu José Luis Legido que asegurou que “na empresa se ve a dureza de gañar un euro e pagar un salario”, ao tempo que demandou que a universidade outorgue valor a estas persoas e aposte pola creación de empresas porque “o futuro vai por aí”.

Do lado dos e das “aspirantes” a promotores dunha spin-off sitúase José Luis Alba, docente e investigador do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións. O tamén director da Área de Transferencia relatou a súa experiencia como emprendedor potencial cunha empresa que leva dous anos en incubadoras e que está en proceso de “busca de clientes, antes de constituírse”. Pola súa banda, Pedro Figueroa docente e investigador do Departamento de Organización de Empresas e Mercadotecnia explicou o intento realizado hai 16 anos para crear una spin-off, algo que non foi posible ao non existir entón unha normativa e que neste intre non desbota ao considerar que existe un interesante nicho derivado da “necesidade de medir o impacto de eventos”. Xunto á medición de eventos, o tratamento dos problemas derivados da corrosión, o aproveitamento de descartes da pesca e mesmo as posibilidades epistemiolóxicas da escultura, foron algunhas das alternativas formuladas polos participantes como ámbitos de traballo de futuras spin-off.

O círculo virtuoso

Ángeles López, directora a Oficina de Transferencia de Resultados da Investigación, deixou constancia na súa intervención do apoio da Universidade a esta liña de transferencia que representan as spin-off, “que chega a sociedade e teñamos ese retorno social e tamén económico para seguir ese círculo virtuoso. Traballamos desde a pública para investigar e que isto chegue ao mercado”, sinalou a directora da Otri. López lembrou que trala finalización do programa empresa-concepto da Xunta a Universidade de Vigo puxo en marcha un fondo de valorización coa fin de facer fronte aos estudos de viabilidade e plans de negocio que faciliten a posta en marcha de iniciativas empresariais que tamén dispoñen de espazos no campus como os Incuvi ou no Citexvi.