DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo de investigación da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo cumpre dez anos xa consolid

Unha década traballando por mellorar a xestión económica do deporte

En recoñecemento á súa traxectoria recibiu recentemente un premio da Asociación Galega de Xestores D

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 02/11/2012

O pasado 26 de outubro o Grupo de Investigación en Xestión Empresarial do Deporte do campus de Ourense recibiu o premio ao mellor estudo de innovación da Asociación Galega de Xestores Deportivos, ente de referencia no sector. Foi un recoñecemento aos dez anos que agora cumpre o equipo formado por Ángel Barajas, Patricio Sánchez, Mercedes Mareque e Jesyca Mª Salgado. Despois dunha década de traballo na Universidade de Vigo recollen os seus froitos tanto no eido docente, como investigador como de transferencia.

“O premio foi unha alegría porque é un recoñecemento que vén de fóra da Universidade e concretamente da asociación que reúne a todas as entidades que en Galicia fan efectivamente xestión do deporte. Pero sobre todo foi unha satisfacción porque coincide cos dez anos do grupo, unha conmemoración para nós moi especial”, apunta Patricio Sánchez. “É xa unha década investigando no eido do deporte pero desde a súa vertente económica e empresarial, unha vertente que cada vez, e sobre todo nos tempos que corren, é máis importante e decisiva”, explica Ángel Barajas, que creou o grupo tras realizar a súa tese de doutoramento nesta temática.

Fitos en investigación, docencia e transferencia

Sobre o traballo realizado estes anos, Patricio Sánchez salienta que “o noso maior logro é que acadamos consolidarnos como unha das poucas universidades de España que investigan e traballan en xestión económica do deporte”. Neste proceso de maduración, os membros do grupo destacan un fito importante en cada unha das súas liñas de traballo. En investigación, fan fincapé na celebración en xuño de 2011, na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense, do II Congreso Iberoamericano de Economía do Deporte, unha cita na que participaron expertos de 31 universidades e institucións de cinco países diferentes. No eido da docencia, subliñan a implantación na Universidade de Vigo do Máster Universitario en Xestión Empresarial do Deporte, que este ano celebra a súa segunda edición.

Polo que respecta á transferencia, Patricio Sánchez explica que a filosofía do equipo é intentar ter continuamente abertas canles de comunicación e traballo coas entidades públicas e privadas do sector da contorna, principalmente estatal. Neste senso, destaca o traballo que está realizando o grupo ourensán coa Universidade Pública de Navarra no desenvolvemento dunha aplicación que permita ao goberno navarro estimar ex ante a repercusión da súa programación deportiva. Este proxecto foi precisamente o tema da tese de licenciatura de Jesyca Mª Salgado e o motivo da súa "fichaxe" para o grupo de investigación.

A participación de Ángel Barajas nun panel de expertos internacionais en economía deportiva reunidos este ano pola UEFA en Xenebra ou a realización de diversos estudos sobre o impacto económico de eventos deportivos, como o Rally de Ourense ou o Campionato de España Máster de Natación en Pontevedra, son outros dos fitos deste grupo de investigación que xa xoga na primeira liña da xestión deportiva en España.