DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras non presentarse ningunha candidatura na segunda convocatoria electoral deste curso

Un decanato de consenso estará á fronte da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte durante un ano

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Esmeralda L. Castro DUVI 21/05/2010

Tras a convocatoria electoral do mes de abril na que a candidatura de José María Cancela non acadou o apoio necesario, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte abriu un novo proceso coa data de hoxe para as votacións. Ao non terse presentado ningunha proposta o actual equipo en funcións solicitou o apoio da Xunta de Facultade na reunión que tiveron o pasado mércores día 19. Ratificado ese apoio e coa aprobación da Reitoría, este equipo permanecerá á fronte do centro un ano máis ata a convocatoria duns novos comicios. O decanato da facultade queda así configurado por Francisca Fariña Rivera como decana; María José Martínez Patiño, Carlos Touriño González e Leonardo Fuentes Blanco como vicedecanos; e Carlos Lago Peñas como secretario.
“A Xunta de Facultade deu o seu apoio moral para que o actual equipo decanal continúe ao longo deste ano para que haxa unha convivencia harmónica”, explicou Francisca Fariña. A decana en funcións asegurou que neste intre o centro conta cun goberno “de consenso” no que todos os sectores da facultade se senten representados. “O principal reto neste ano é que volva haber unha convivencia positiva entre todos os compañeiros”, apunta, ao que engade que de seguro a haberá “porque todos apoian este proxecto”.

Un ano de moito traballo a prol de pequenos obxectivos

A decana en funcións, Francisca Fariña prevé un ano de moito traballo. “Unha facultade con titulacións novas como a nosa require moito esforzo e trátase de cumprir pequenos obxectivos para que siga medrando”. No caso do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte sinala como unha das súas prioridades afianzar as relacións e colaboracións con outros centros doutras universidades. “Xa mantivemos un primeiro contacto informal coa facultade da Universidade da Coruña e pensamos seguir traballando nesa liña”. Así mesmo, subliña que hai que promover todos os títulos alén dos de educación física, pois, sinala, “nesta facultade impártense outros graos con moitas ganas de significarse e facerse visibles”.