DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UVigo acolle hoxe e mañá o 19 congreso internacional da Asociación Española de Estudios Irlandeses

Decenas de expertos e expertas poñen voz aos silencios e ás verdades incómodas da cultura e a sociedade irlandesa

O simposio virtual é a culminación do proxecto de investigación 'InTruths'

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Internacional
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 27/05/2021

En Irlanda, entre os anos 1920 e 1998, preto de 56.000 nais solteiras e 57.000 menores pasaron por orfanatos e residencias, públicas ou xestionadas por ordes relixiosas. Segundo os resultados dunha comisión de investigación que prolongou o seu traballo durante cinco anos, e que fixo públicas as súas conclusións a principios deste ano 2021, uns 9000 nenos e nenas faleceron no seo desas institucións, mentres que outros cativos e cativas foron vítimas de adopcións forzosas. “O que inspirou o noso proxecto, en parte foron os acontecementos aos que se referiu en marzo de 2017 o anterior primeiro ministro irlandés, Enda Kenny, cando falou do macabro achado dunha fosa común cos restos de nenos dunha antiga institución de acollida para ‘nais solteiras’ como ‘sepulcro social e cultural de Irlanda’, denunciando a complicidade da sociedade do seu país. Isto é un exemplo de numerosas prácticas institucionais do silencio na Irlanda contemporánea, onde formas de abuso mantidas en secreto durante longo tempo, sacudiron a opinión pública e amosaron como o imaxinario colectivo irlandés se atopa profundamente cimentado sobre o que poderíamos denominar “incovenient truths”, explica a docente da UVigo e coordinadora do proxecto InTruths: Prácticas culturais do silencio na ficción irlandesa contemporánea, Teresa Caneda. 

A investigación, que mantén que as diferentes configuracións arredor do silencio determinan a ficción contemporánea irlandesa, na que as referencias a estas verdades incómodas se converten no tema central das novelas, culmina hoxe e mañá coa celebración, de xeito virtual, do 19 Congreso Internacional da Asociación Española de Estudios Irlandeses (AEDEI), que esta mañá foi inaugurado pola embaixadora de Irlanda en España, Sile Maguire; o reitor da UVigo, Manuel Reigosa e a presidenta da Asociación Española de Estudios Irlandeses, Pilar Villar-Argáiz.

Un congreso que reforza os lazos entre Irlanda e Galicia

Na súa intervención na inauguración do congreso, a embaixadora de Irlanda en España, Sile Maguire, destacou “os profundos lazos” que manteñen desde a antigüidade Galicia e Irlanda e que resoan na historia, na literatura e mesmo nas lendas “en cuxo fondo xacen enraizadas vedades da humanidade”. Maguir, que gabou o traballo desenvolvido pola organización do congreso “en circunstancias moi difíciles”, agradeceu o aprecio da UVigo polos estudos irlandeses, como “unha mostra máis da sintonía que existe entre Irlanda e Vigo". Pola súa banda, o reitor, Manuel Reigosa, lamentou a imposibilidade de realizar o congreso de xeito presencial, ao tempo que agradeceu o traballo desenvolvido por Teresa Caneda e o equipo organizador e gabou a calidade do programa e das e dos poñentes que participan no congreso.

A presidenta da Asociación Española de Estudios Irlandeses, Pilar Villar-Argáiz, lembrou a progresiva consolidación que desde o ano 2001 experimentaron os estudos irlandeses en universidades e centros de estudos, ao tempo que amosou o seu orgullo polos congresos e publicacións realizados pola asociación que dirixe. Pilar Villar-Argáiz destacou ademais “o heroísmo, entusiasmo e paixón” de Caneda por embarcase na organización do evento. Mentres, a directora do Departamento de Filoloxía inglesa, francesa e alemá, Dolores González, e o decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, José Montero, sinalaron, respectivamente, “a popularidade acadada nos últimos 20 anos, entre o estudantado, polas actividades relacionadas con Irlanda”, froito da conexión entre este país e Galicia, e a disposición do centro a acoller eventos destas características, aínda que como neste caso “non sexan presenciais”.

Unha abordaxe poliédrica dos silencios e das verdades incómodas

Durante dous días investigadores e investigadoras nacionais e internacionais abordarán, no congreso, no que se presentarán 60 “papers”, cuestións como a relación do silencio coa linguaxe; a estética e as formas artísticas e de representación na literatura, no cine e no xornalismo, así como desde vertentes socio-culturais que inclúen o silencio como forma de resistencia e subversión; a relación coa construción social da vergoña e os secretos impostos por códigos de conduta, moitas veces de forte raíz relixiosa, e desde unha vertente psico-social en relación ás disfucións e patoloxías individuais e sociais, traumas, e a violencia e as diferenzas de xénero, entre moitas outras.

“No eido político tamén prestaremos atención á violencia e aos conflitos, tan relevantes na complexa historia de Irlanda e desafortunadamente tan intrínsecos a territorios como o Norte de Irlanda”, engade Teresa Caneda, que destaca que os escritores irlandeses se caracterizan pola profunda implicación á hora de expoñer e denunciar os aspectos máis escuros da sociedade que afectan á vida da cidadanía e que teñen que ver coa censura, políticas inxustas e opresivas, violencias e manipulacións silenciosas desde as institucións que afectan aos dereitos esenciais das persoas. “As súas obras, ademais de denunciar as inxustizas, serven tamén para curar feridas e sinalar novas alternativas de existencia ante os erros do pasado. Isto é así, porque para os artistas irlandeses é moi importante actuar aí onde non actuaron as institucións nin os políticos: non calar, revisar o pasado e falar do que non se falou antes”, explica a coordinadora de InTruths, que precisamente se centra na investigación do modo en que os e as escritoras irlandesas buscan interrogar as historias silenciadas e as verdades non rexistradas e, ao mesmo tempo, pretende sacar á luz as implicacións éticas deste tipo de ficción que funciona como unha forma de resistencia ante o arraigo das prácticas culturais do silencio.

Xunto ás intervencións de investigadoras e investigadores das universidade de Huelva, Deusto, Leuven, Galway, Alcalá de Henares e University College of Cork, que participan coa UVigo no proxecto InTruths, Caneda destaca do programa do congreso a lectura poética que este mediodía realizou Mary O’Malley, “que ten tratado o tema da desaparición da lingua irlandesa na súa poesía”, así como a conferencia sobre o silencio na obra de James Joyce a cargo do investigador da University of Utah, Vincent Cheng e a intervención do xornalista Caelainn Hogan, autor dunha obra recentemente publicada sobre a institucionalización da cultura da vergoña e as súas consecuencias para a vida das mulleres nas derradeiras décadas. “O programa inclúe ademais unha sesión na que destaca a participación das editoras e autoras dun volume de poesía no que se aborda o silencio das violencia contra as mulleres”, engade Teresa Caneda, que agradece o respaldo na organización do congreso da Asociación Española de Estudios Irlandeses, da Federación Europea de Centros de Estudos Irlandeses, da Unidade de Igualdade da UVigo e do Departamento de Filoloxía inglesa, francesa e alemá, así como da fotografa Ester Moliné, afincada en Dublín, autora da fotografía do póster do congreso, que lles cedeu os dereitos.