DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Todas as noites, ata o vindeiro 9 de maio, no Teatro Principal da cidade

A décima edición da Miteu chega a Pontevedra con cinco representacións de teatro universitario galego e portugués

A obra “84”, baseada en “1984” de George Orwell, abre programación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 05/05/2008

Tralo seu exitoso paso por Ourense e Vigo, a décima edición da Miteu, a Mostra Internacional de Teatro Universitario, chega a Pontevedra onde,desde hoxe e ata o vindeiro 9 de maio, os espectadores poderán deleitarse con cinco representacións, catro delas da man de aulas universitarias galegas e unha portuguesa.O responsable da organización, Salvador del Río, explicou que tanto as compañías da nosa comunidade como a do país veciño, “están moi consolidadas pola súa ampla traxectoria profesional, levan moitos anos enriba dun escenario e por iso foron as escollidas para traer a mostra á cidade do Lérez”, explicou na presentación ante os medios que tivo lugar na Casa das Campás.
84, A Ronda, Top Girls, Ubú Rei e Posso Avancar? Pergunta O Cavalo son as cinco obras que ocuparán o escenario do Teatro Principal todas as noites desta semana a partir das 20.30 horas e onde a diversión e a variedade están garantidas. Trátase dun repertorio de gran calidade co que, segundo comentou o vicerreitor do campus, Jesús Hernández, “pretendemos atraer ao maior número de xente, tanto da comunidade universitaria como da cidadanía en xeral, xa que é unha boa oportunidade de ver un teatro diferente ao convencional que conta cunhas características propias”, explicou na súa intervención.

84, da man da Aula de Teatro Universitario de Ourense, abre o programa

Para comezar unha semana chea de representacións, a Aula de Teatro Universitario de Ourense, Maricastaña, amosará a súa última montaxe: 84, baseada en 1984 de George Orwell. Nesta ocasión, o público terá ocasión de ver unha obra na que o autor amosa un futuro no que unha ditadura totalitaria interfire ata tal punto na vida privada dos cidadáns, que resulta imposible escapar ao seu control. Os protagonistas Winston e Julia, a pesar de ser membros do partido e sabendo que ese gran irmán os vixía constantemente, rebélanse contra o poder nun camiño que se converterá nun labirinto perigoso ata un final incerto.

Unha semana de teatro universitario

As sesións continuarán o martes, 6 de maio, da man da Aula de Teatro da USC – Lugo, coa obra A Ronda de Artur Schnitzler e o mércores cunha adaptación de Top Girls de Caryl Churchill, interpretada pola compañía da Universidade de Vigo. Xa na xornada do xoves, Ubú Rei de Alfred Jarry será a protagonista cun elenco procedente da Universidade da Coruña e, para pechar o programa, na noite do venres, os espectadores poderán asistir á representación Posso avancar? Pergunta O Cavalo baixo a dirección da Universidade de Covilhâ en Portugal.