DUVI

Diario da Universidade de Vigo

María Victora Carballo-Calero, Premio Galicia de Investigación 2009

En defensa das humanidades

O galardón recoñece a traxectoria da catedrática de Historia da Arte

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
DUVI 08/10/2010
Mª del Carmen Echevarría Vigo
Transcorreron máis de catro décadas desde que a catedrática da Historia da Arte da Universidade de Vigo, María Victoria Carballo-Calero comezou o seu traballo como investigadora. “As circunstancias era moi distintas entón” recoñece a flamante Premio Antonio López Ferreiro de Investigación Humanística para investigadores sénior, “empezábamos cun catedrático e non pedíamos nada. Recordo que o primeiro texto que escribín dinllo a ler a moitísima xente antes de publicalo e agora hai outra dinámica completamente distinta”. Eran outros tempos e se ben co paso dos anos cambiaron moitas cousas, non a ilusión e a capacidade de traballo de quen foi directora de departamento e decana da Facultade de Historia. “A verdade é que traballei moito desde que rematei a carreira con etapas máis intensas e menos, e ultimamente moitísimo porque xa non teño o cargo de decana, nin de directora de departamento” recoñece a historiadora que iniciou a súa traxectoria con varios traballos sobre a pintora galega Julia Minguillón.

A partir aí a produción artística de Castelao, Maruja Mallo ou Luis Seoane, acompañou a Carballo- Calero ao longo dos anos nos que tamén centrou a súa actividade en outras liñas de investigación sobre debuxo, ilustración, gravado ou arquitectura.
Décadas de traballo que agora son recoñecidas co Premio Galicia de Investigación 2009 que convoca a Consellería de Economía e Industria, cuxo máximo responsable foi quen comunicou a Carballo-Calero a concesión. “Cando me chamou o conselleiro foi unha grandísima alegría”, asegura a catedrática da Universidade de Vigo que na actualidade xunto con investigadores e investigadoras de arte contemporánea traballa nun proxecto sobre editoriais de vangarda en Galicia.

A necesidade das humanidades

Nunha etapa de crise económica global como a actual, María Victoria Carballo- Calero reivindica a necesidade das humanidades que considera “fan moitísima falta”. Sen negar a importancia dos avances que se producen nos ámbitos científico e tecnolóxico, a investigadora defende “unha investigación distinta, máis longa” pero recoñece que “logo cando vas a un concurso con persoas doutros ámbitos non tes a mesma consideración”.

Aínda así a catedrática anima ás novas xeracións de investigadores a desenvolver o seu traballo. “Eu á xente que fai a tese comigo anímolles a ter unha boa bolsa porque senón é un risco. Pero hai xente que aínda que non a teña quere traballar e hai que animalos sempre, agora que hai que ser conscientes que a situación non é fácil”, asegura ao tempo que lembra outra das diferenzas que mantén a actividade investigadora cando ela comezou e na actualidade. “Cando eu rematei chamáronme de tres ou catro departamentos, pero tampouco se cobraba ou cobrábanse catro perras. Agora xa se empeza cobrando un pouco, pero non sabes cara onde vas”, lamenta.

Recoñecementos para o pai e a familia

Cando se cumpren 100 anos do nacemento de Ricardo Carballo-Calero, a súa filla María Victoria non pode evitar pensar nel tras coñecer a concesión do galardón. “Este ano é o centenario do meu pai e indubidablemente tivo moito que ver nun camiño no que sempre tiven, moi claro que me gustaba a universidade”, explica.
Pero ademais de quen tanto influíu na súa traxectoria profesional, a catedrática de Historia da Arte, ten un recoñecemento especial a raíz da concesión do Premio Galicia de Investigación para a súa familia que “aínda que sexa un tópico recordas as horas que non lle dedicaches por que estabas traballando”.