DUVI

Diario da Universidade de Vigo

I Curso de Especialista en Publicidade, Mercadeo e Consumo

En defensa dos intereses do consumidor

Comezará a impartirse este xoves 26 de maio na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 24/05/2011

As denuncias e reclamacións na Oficina do Consumidor están á orde do día. Coa finalidade de concienciar e de formar a profesionais sobre os dereitos do consumidor, nace o I Curso de Especialista en Publicidade, Mercadeo e Consumo, un título propio da Universidade de Vigo en colaboración co Instituto Galego de Consumo. Os máis de 80 matriculados comezarán este xoves as clases, que se prolongarán ata o vindeiro 2 de decembro na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación “coa finalidade de acadar unha visión especializada nunha materia emerxente”, apunta Fernando Ramos, director do mesmo.

Este curso xorde do interese de formar expertos que poidan integrarse nos sistemas de defensa dos consumidores. Como explica o profesor Fernando Ramos, director do curso, “o que diga un anuncio ten que ser verdadeiro, xa non se admite a esaxeración publicitaria, polo que hoxe en día hai unha abundante publicidade ilegal que infrinxe a normativa”. Debido a esta proliferación de “falsas promesas”, unido ás recentes revisións da Lei Xeral da Publicidade e da Lei de Competencia Desleal en materia de defensa dos consumidores fronte á fraude, “é necesario unha posta ao día de todo o que ten que ver coa patoloxía social do consumo e cos mecanismos de protección fronte as prácticas ilícitas en materia publicitaria”. O máis común, engade, os anuncios que crean confusión, “no eido das telefonías e dos produtos financeiros, onde ofrecen seguros como se fosen plans de pensións”.

Habilitación especial para ‘defender’ ao consumidor

Para Ramos, o I Curso de Especialista en Publicidade, Mercadeo e Consumo vén a complementar a formación de economistas, xuristas, sociólogos e publicitarios para entrar nun mercado laboral especializado, “conseguindo unha habilitación especial para no seu día traballar en oficinas municipais de orientación ao consumo, nos departamentos de calidade das empresas, nos de marketing, e en todas as seccións que teñan que ver cos sistemas de garantía dos consumidores”.

Seis módulos teóricos e dous prácticos

O curso, cun valor de 20 créditos lectivos, consta de seis módulos teóricos, nos que se afondará na sociedade do consumo, na psicoloxía do consumidor e análise de produtos, na publicidade e consumo, na socioloxía e consumo, no comportamento do consumidor, e nos retos de futuro da sociedade de consumo. Así mesmo, tamén inclúe unha parte práctica, na que se avaliará a eficacia dos mecanismos de defensa dos consumidores e os sistemas de autorregulación en España. Os módulos serán impartidos por profesores da Universidade de Vigo, de Santiago e da Universidad Complutense de Madrid. Ao rematar o curso e tras entregar unha memoria final, os asistentes recibirán o Certificado de Asistencia, asinado polo director do mesmo.

Nun principio establecérase un límite de 50 prazas, “pero debido á demanda, houbo que ampliar a matrícula ata 80”, aclara o profesor. Comezará este xoves, 26 de maio e prolongarase ata o vindeiro 2 de decembro, impartíndose todos os xoves e venres de 16.30 horas a 19.30 horas.