DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A defensa da universidade pública e do galego centran as novas campañas dos Comités

A organización estudantil iniciará unha campaña de recollida de sinaturas en favor da lingua

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
DUVI 21/10/2009

Unha campaña en defensa da universidade pública e outra en defensa do idioma galego, estas son as dúas accións principais nas que se centrarán este cuadrimestre os Comités, a organización nada da unificación dos Comités Abertos de Facultade (CAF) e os Comités Abertos de Estudantes (CAE).
O responsable da asociación no campus de Ourense, Iago Gómez, e encargado de Organización local, Rafael Adalid, fixeron públicas ambas campañas, ás que se referiron como “actividades na liña das accións que xa vimos desenvolvendo outros anos”.

Na defensa da lingua, Nin un paso atrás!

No que se refire á campaña en defensa da lingua, que levarán a cabo baixo o lema Nin un paso atrás, Gómez lembrou a pertenza dos Comités a plataforma cidadá Queremos Galego! e, nese sentido, adiantou que iniciarán en breve unha campaña de recollida de sinaturas “coa que poidamos pór o noso gran de area para evitar a derogación do decreto do galego”. Entre outros aspectos, o Manifesto feito público polos Comités, fai fincapé na necesidade de cumprir os planos de normalización lingüística e de que os aspirantes a acceder a postos de docentes universitarios acrediten o coñecemento do idioma. Ao tempo, subliñaron a necesidade de que se valore o emprego do galego nos complementos retributivos autonómicos, así como a necesidade de establecer liñas de apoio á tradución de textos docentes ao galego.
En canto ao actual proceso de adaptación das diferentes titulacións ao Espazo Europeo da Educación Superior, lembraron que, desde a súa postura, “vemos imprescindible axir na defensa da universidade pública posto que somos conscientes que a defensa dun ensino público e galego é o mellor antidoto contra as agresións do EEES”.
Na mesma liña, aproveitaron a presentación das campañas deste curso para manifestar a súa firme posición en contra da retirada da licenciatura en Física do campus.