DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Antón Louro e Salustiano Mato mantiveron unha xuntanza de traballo

A Delegación do Goberno convértese na interlocutora da Universidade cos distintos ministerios para o Campus do Mar

Manifestaron a “ambición conxunta” de seguir internacionalizando o proxecto

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 09/12/2010
O delegado do goberno en Galicia, Antón Louro, fará de canle e aliado estratéxico á Universidade á hora de crear e sumar sinerxías e de potenciar todas as tarefas que quedan por diante no despegue e desenvolvemento do proxecto Campus do Mar. Así llo expresou hoxe Louro ao reitor nunha reunión de traballo na que puxeron en común proxectos e iniciativas nos que está a traballar Universidade e nos que o Campus do Mar ocupa un lugar estrela.

Tal e como lembrou Mato, o Campus do Mar busca ser un proxecto que vertebre as relacións de Galicia e Portugal nos campos da investigación e da ensinanza superior, pero tamén “ser un proxecto de referencia para España en Europa e no mundo e por iso solicitei a colaboración do delegado do Goberno en Galicia na intensificación da relación cos distintos ministerios para o desenvolvemento do proxecto”. Nesta liña, subliñouse que se ben o ministerio de referencia é o de Educación, con quen se está traballando dunha maneira continua, así como o Ministerio de Ciencia e Innovación, que está axudando a desenvolver o proxecto” a medida que avance será necesario “unha aproximación e unha colaboración máis intensa co Ministerio de Fomento, a través de portos, e co Ministerio de Pesca a través de Rosa Aguilar”, subliñou o reitor.

Antón Louro, que unha vez máis expresou o compromiso do Goberno con este proxecto, fixo fincapé en que Universidade e Goberno comparten a ambición de internacionalizar este proxecto “algo que pasa por seguir mellorando as relacións con Portugal”, subliñou, ao tempo que lembrou que non só os ministerios de Educación e Ciencia e Innovación, se están a implicar no proxecto, senón que tamén se conta co apoio do Ministerio de Medio Rural e Marino, a través da Secretaría Xeral do Mar, e do Ministerio de Fomento a través do organismo autónomo Portos do Estado “de feito o seu presidente Fernando González Laxe está interesado polo proxecto tanto política como profesionalmente”, subliñou, ao tempo que apuntou "o máis difícil xa se logrou e o camiño a seguir está claro, estou seguro de que vai ser un éxito en Europa e no mundo".

En primavera farase público o Consello Reitor

En canto aos prazos nos que se atopa o Campus do Mar, o reitor lembrou que un dos grandes valores engadidos deste proxecto é que non están vinculado a necesidade específica de infraestruturas, unhas instalación que non estarán en funcionamento ata dentro de dous anos e medio, pero iso irá á par do que é a propia construción do proxecto e, de feito xa están en marcha o Centro de Posgrao Internacional, a canle de televisión propia e mesmo o Campus Virtual. “Para a comunidade científica é un proxecto que xa se está a visualizar”, subliñou o reitor, que lembrou que será na primavera cando se constitúa o Consello Reitor do Campus, que será o encargado da toma de decisións, “dende quen liderará os distintos clúster de investigación, como se van artellar as liñas emerxentes, etc”, subliñou Mato, quen adiantou que xa se está a traballar nesta liña “e será antes de inaugurar as instalacións físicas cando poidamos ir presentando resultados”.