DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alberto Gago suxeriu esta alternativa mentres non se resolve a construción nos terreos de Tafisa

O delegado territorial da Xunta confirma a dificultade dun traslado provisional da Facultade de Belas Artes

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI 18/11/2009

A cesión dalgún edificio da Xunta para trasladar de xeito provisional a Facultade de Belas Artes ou o traslado da Escola de Restauración a un novo edificio para que a facultade poida ocupar o seu actual espazo, son as alternativas que hoxe trasladou o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores, en tanto non se constrúe o novo Edificio das Artes previsto nos terreos de Tafisa.
Ante a paralización que desde hai anos sofre este proxecto, o reitor da Universidade de Vigo, abordou co delegado territorial da Xunta, nunha xuntanza celebrada en Pontevedra, posibles solucións que permitan desbloquear a situación actual. Ante as dúas alternativas formuladas por Gago, o delegado territorial da Xunta avanzou a dificultade de contar na cidade de Pontevedra cun edificio das características que precisa a institución académica. Aínda asi, Cores Tourís comprometeuse a trasladar á Consellería de Educación a petición da Universidade de Vigo que en próximos días confirmará á Delegación Territorial os metros cadrados precisos para realizar algún destes traslados.

Creación dun ciclo formativo en Enoloxía

Aínda que futuro da Facultade de Belas Artes centrou o encontro entre Cores e Gago, na reunión tamén se abordou a posibilidade de crear un ciclo formativo en Enoloxía no campus de Pontevedra. En relación con esta cuestión o reitor da Universidade de Vigo deixou clara a súa preferencia por un mestrado compartido polos campus de Pontevedra e Ourense e que aborde tamén cuestións relacionadas coa viticultura e a xestión de empresas dedicadas a este sector.