DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O salón de actos da EU de Enxeñaría Técnica Forestal acolleu o acto institucional

A demanda de máis educación e investigación marca o inicio do curso 2009-2010 na Universidade de Vigo

A catedrática de Parasitoloxía Cristina Arias ofreceu a lección inaugural

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI DUVI 18/09/2009

A reivindicación dunha firme aposta pola educación e a I+D centrou o discurso co que o reitor Alberto Gago inaugurou o inicio do curso 2009-2010 na Universidade de Vigo, relegando a un segundo plano o proceso de adaptación ao EEES. Nun acto que comezou coa intervención da secretaria xeral na que Esther González debullou os feitos máis salientables do pasado curso e que continou coa lección inaugural a cargo da catedrática de Parasitoloxía Cristina Arias, o debate do financiamento sitiuose, en boca do reitor, no centro do arranque institucional do curso académico.
Alberto Gago que manifestou, ante un ateigado salón de de actos da EU de Enxeñaría Técnica Forestal, a súa preocupación se finalmente se confirma que o Goberno galego non ten entre as súas prioridades para o ano 2010 a educación e a I+D, asegurou que “non hai futuro sen cambio de modelo e non haberá cambio de modelo sen máis educación e máis investigación, é dicir, sen universidades máis fortes, máis ambiciosas, máis implicadas e mellor financiadas”. Tras asumir a obriga de facer contención de todo aquilo que non sexa prioritario ou imprescindible, Gago demandou o reforzo de todos os programas que apostan pola calidade e pola I+D, sobre a que “nunca tanto se fixo, nin tan ben neste país”.
Sen torres de marfil, a pé de obra e con xeracións novas e nunca tan ben formadas e dispostas a crear novo coñecemento, Gago invitou a un achegamento á universidade “que precisa da confianza que conceden as prioridades de cada goberno. E niso confiamos, porque abofé que hai outra maneira de proseguir”, sinalou.
Mantendo o ton reivindicativo que presidiu a súa intervención, o reitor da Universidade de Vigo, rematou o seu discurso poñendo de manifesto a necesidade de espazo que impide o crecemento do campus de Pontevedra e demandando a axuda de todas as institucións e administracións que teñen algo que dicir e ofrecer.

Parasitoloxía, ciencia básica para o mantemento da saúde pública

Que son os parásitos, que é o parasitismo, que estudia a parasitoloxía e cal é a súa importancia, foron as catro preguntas básicas as que respondeu a catedrática Cristina Arias ao longo da lección inaugural. Nunha intervención que realizou en forma de misiva literaria, a investigadora e docente explicou de xeito sinxelo as principais razóns que xustifican o estudo da parasitoloxía e a súa importancia sanitaria.
Entre os parásitos de maior interés no que a saúde pública se refire, Arias falou non só do coñecido piollo, senón de outras enfirmidades máis graves como o paludismo, ao que se referiu como unha das patoloxías “máis preocupantes”, por ser a primeira causa de mortalidade por enfermidade infecciosa en viaxeiros, algo que gaña gravidade se temos en conta que só “o 10% dos españois que viaxou a zonas endémicas se protexeu con fármacos antipalúdicos”. Tampouco se esqueceu da malaria, que mata a un neno cada 30 segundos no continente africano, e da Leishmaniosis, unha enfermidade moi grave que “é sabido que sufriu Ingrid Betancourt durante o seu secuestro“, así como “moitas outras enfermidades non tan graves pero que causan graves problemas de discapacidade no ser humano”.

Breve testemuña dun intenso traballo

Actividades de I+D contratadas por un total de 8.055.000 euros e a participación en proxectos europeos por importe de 1.980.000 euros fan do pasado curso 2008/2009 o da consolidación definitiva da capacidade competitiva e de transferencia da Universidade de Vigo. Así o salientou a secretaria xeral, Esther González Pillado, no resumo da memoria do curso no que fixo un percorrido polas cifras, actividades e feitos que caracterizaron o pasado ano académico, no que a gran novidade foi do comezo da docencia dos primeiros estudos adaptados ao EEES, o Grao en Belas Artes.
Ademais, o curso 2008/2009 foi tamén o da aprobación do proxecto de Estatutos da Universidade, da adscrición da Escola Naval Militar de Marín e da Escola de Negocios de Caixanova, así como da aprobación dos planos de estudo dos novos graos e posgraos, que pecharán a adaptación total da Universidade ao Plan Boloña no curso 2010/2011.

O reto da adaptación ao EEES

A estrea en máis dunha vintena de titulacións dos novos graos adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior centrou as reflexións da maior parte dos integrantes do equipo de goberno e membros da comunidade unviersitaria que asistiron ao acto desta mañá en Pontevedra. “Que a implantación das titulacións no EEES vaia como ten que ir, que os proxectos de infraestruturas sexan factibles e que comecemos a traballar nas posibilidades de novas titulacións para o campus, discutilas a nivel interno e demandalas a nivel de institucións”, son os obxectivos que marcou Jesús Hernández, vicerreitor do campus de Pontevedra.
Na mesma liña, Juan Manuel Viaño, vicerreitor de Profesorado e Organización Académica da Universidade de Santiago de Compostela, que tamén estivo presente no acto de apertura do curso, apuntou como reto fundamental “culminar a implantación das novas titulacións adaptadas ao EEES das tres universidades”.
Pola súa banda a xerente da Universidade de Vigo Ana Fernández Pulpeiro, sinalou a introducción de “cambios sustanciais para mellorar os nosos servizos tanto cara o alumnado como os docentes”.

Alberto Gago reivindica unha firme aposta pola educación e a I+D

A parasitoloxía e a súa importancia sanitaria centran a lección inaugural da catedrática Cristina Arias

A secretaria xeral, Esther González, destacou a consolidación da investigación e da transferencia na Universidade

Boloña, o gran reto do novo curso