DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Unidade de Igualdade patrocina un ciclo de conversas con escritoras de Éire

Dende Irlanda ata Galicia da man da literatura e contra a discriminación de xénero

As convidadas serán Mary O’Donnell, que intervirá este luns 22 de outubro e Evelyn Conlon, que o far

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 19/10/2012
Literatura e igualdade de xénero danse na man no Ciclo de conversas con escritora irlandesas que organiza a profesora Teresa Caneda e que se desenvolverá os días 22 de outubro e 12 de novembro na Facultade de Filoloxía e Tradución. A iniciativa está coordinada pola profesora do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá, Teresa Caneda, que explica que os obxectivo deste ciclo van máis aló de coñecer a obras destas dúas autoras, Mary O’Donnell e Evelyn Conlon, senón que se trata de achegarse a elas como “voces representativas da escrita feminina na Irlanda contemporánea”. A idea é tamén, como indica Caneda, sensibilizar aos asistentes “coa problemática da discriminación de xénero no contexto social irlandés e o xeito no que as mulleres artistas teñen impulsado políticas de igualdade, cuestionando a propia constitución de 1937, que institucionalizou un papel secundario e discriminatorio para as mulleres”.

A través das conversas coas estas dúas escritoras trátase de “impulsar o diálogo e o establecemento de vínculos entre irlandesas e galegas para identificar e coñecer temáticas e preocupacións comúns”, engade a profesora.

Mary O’Donnell na primeira xornada

A primeira das convidadas será Mary O’Donnell, que ten publicados máis de 11 libros de ficción e poesía e é a co-editora dunha colección de poesía galega de mulleres traducida ao inglés e ao irlandés. Caneda explica que esta autora, ademais de traballar como xornalista e crítica de teatro foi tamén responsable dunha serie de programas sobre poesía na Radio Pública Irlandesa, RTE. Por todo isto tense convertido nunha convidada frecuente nos cursos de literatura irlandesa de mulleres das universidades norteamericanas e europeas. Teresa Caneda explica que a “súa obra ten aparecido en antoloxías de literatura de mulleres tan emblemáticas como Stories by Irish Women; Short Stories by Irish Women Writers, Mothers and Daughters: Irish Short Stories; Irish Women: Writings Past and Present”. En 2010 co-editou a antoloxía de poesía de autoras galegas contemporáneas, traducida ao inglés e irlandés por poetas irlandesas To the Winds , Our Sails.
O seu relatorio terá lugar este luns ás 13.00 horas no salón de graos da Facultade de Filoloxía e Tradución.

E na segunda, Evelyn Conlon

Evelyn Conlon é unha das voces contemporáneas de máis sona no panorama da escrita na Irlanda contemporánea. “Comprometida cos dereitos das mulleres, foi unha das fundadoras do Rape Crisis Center de Dublín para axudar ás vítimas de violacións; viaxeira incansable, publicou a súa primeira colección de relatos en 1987”, indica Caneda. A súa última novela, que foi seleccionada para o premio de Novela Irlandesa do Ano, versa sobre dilemas públicos e individuais arredor da pena de norte. Na actualidade traballa nunha nova novela que revisa algún os episodios máis dramáticos da historia de Irlanda e que sairá á luz na primavera. A súa intervención será o vindeiro 29 de outubro.