DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Gabriel Álvarez leva tres anos estudando no país nipón e ten traducido obras de Murakami a galego e

Dende Xapón ao Carballiño coa maleta chea de libros e de lembranzas

Está realizando a súa tese de doutoramento sobre a tradución de onomatopeas xaponesas nos mangas

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 19/03/2014
Ten ás súas costas, e sendo moi novo, a experiencia de ter vivido en cinco países: España, Bélxica, Inglaterra, Francia e o máis desexado e estimulante de todos para el, Xapón. Non en van o interese de Gabriel Álvarez polo país nipón venlle de moi novo e a vida finalmente deulle a oportunidade de coñecelo a fondo residindo en Kobe durante tres anos e medio. Titulado en Tradución e Interpretación, é xa un profesional da tradución xaponés-galego e xaponés-español e agora está a preparar a súa tese de doutoramento na Universidade de Vigo sobre a tradución de onomatopeas xaponesas nos mangas.

Tras esta experiencia no oriente, Gabriel regresa en abril á súa vila, o Carballiño, pero nas maletas trae “unha chea de libros (non sei onde vou meter tanto libro no Carballiño...o Xapón é o paraíso das librarías de segunda man), unha guitarra nova e un feixe de lembranzas”. E é que a súa estadía foi aínda mellor do que agardaba,“o día a día é moi estimulante, sempre con novas cousas que facer ou aprender”, recoñece, e valora especialmente todo o aprendido nesta etapa que remata, os amigos e contactos, tanto xaponeses como doutros países e as viaxes dentro do Xapón e na Corea do Sur. Aínda que para a maioría dos occidentais trasladarse ao Xapón é un choque cultural, no o foi no seu caso porque xa dominaba a lingua e coñecía a cultura e a adaptación foi “fácil dende o primeiro momento”. Con todo, recoñece que a imaxe que aquí temos do país nipón non se corresponde coa realidade, porque os medios occidentais adoitan centrarse no “raro” ou “extravagante” e apunta que a xente “asocia Xapón a gueixas, samurais, robots e tecnoloxía, manga, anime e cosplay; iso forma parte da realidade, mais non é todo”.

O manga como punto de partida

Gabriel Álvarez comezou a interesarse por Xapón na adolescencia, cando descubre o manga ou banda deseñada xaponesa. Isto esperta o seu interese polo país e comeza a estudar o idioma. De aí en diante, o seu camiño vai estar ligado sempre ao país do sol nacente. A súa estadía no Xapón era inicialmente por un ano e medio como investigador na Universidade de Kobe, pero acabou matriculándose nun mestrado en lingua e comunicación e alongando esta etapa ata os tres anos medio. Neste tempo comezou tamén a súa tese de doutoramento na Universidade de Vigo sobre a tradución de onomatopeas e outro tipo de palabras miméticas xaponesas nos mangas. “A idea xurdiu mentres pensaba en que elementos da tradución do xaponés poderían ser interesantes para unha investigación e, dado que no xaponés a cantidade de onomatopeas é enorme e o seu uso está moi estendido, tanto nos manga como na linguaxe cotiá, pareceume interesante investigar como se traduce para outros idiomas”. Explica o investigador que no seu traballo, dirixido polo profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución Robert Neal Baxter, compara os mangas en xaponés coas súas traducións para o español, o francés, o inglés e o coreano e, durante este tempo en Xapón, contou coa supervisión da doutora Fumiko Fujinami.

Inicios da tradución ligados a Murakami

“Comecei a traducir no cuarto ou quinto ano da licenciatura”, explica, participando no concurso de relatos e tradución da Universidade cunha tradución para o galego do conto Rashomon de Ryunosuke Akutagawa. “A partir de aí entrei en contacto cunha moza xaponesa que estaba a traducir para o galego e xuntos traducimos Eloxio da sombra de Jun’ichiro Tanizaki para a Rinoceronte Editora. Neste medio chegoulle a oferta da Editorial Galaxia para traducir Tras do solpor (After Dark), e despois chegaron Do que estou a falar cando falo de correr e 1Q84, todas elas de Haruki Murakami. E do galego deu ao salto ao español, tamén un xeito un tanto casual, xa que cando Haruki Murakami veu a Santiago recoller o premio San Clemente, coñeceu un editor de Tusquets que o convidou a traducilo tamén para o español. En total leva traducidas e publicadas oito obras e recoñece que "a que máis esforzo supuxo, pola súa envergadura, foi 1Q84, mais pola dificultade do texto, diría que Eloxio da sombra”.

As complexidades da tradución do xaponés

Sobre a complexidade da tradución do xaponés, recoñece que, aínda que depende do texto, en xeral é máis complexo ca outras linguas. “Sobre todo, porque a lingua e a cultura son completamente distintas. Como condicionantes, eu diría en primeiro lugar a dificultade de ler nun alfabeto distinto ao noso, no cal se mesturan tres tipos diferentes de caracteres e onde as palabras se escriben seguidas, sen separacións". Tamén destaca a ambigüidade da lingua xaponesa en certas ocasións, a existencia de conceptos inexistentes na nosa cultura ou a diferenza de matices presentes en certas palabras e a riqueza de rexistros lingüísticos.

Álvarez é, xunto a Mona Imai, un dos dous tradutores do xaponés ao galego, “alén dunha tradución para a biblioteca BIVIR de Amir García dunha obra de Yukio Mishima, O patriotismo”. Preguntado sobre que autor lle gustaría traducir, véñenselle moitos nomes á cabeza: “Tantos... Yasutaka Tsutsui, Kaori Ekuni, Genichiro Takahashi, Kenzaburo Oe, Kang Sang-jung, Edogawa Ranpo, Yumeno Kyusaku, Mishima, Soseki, Shuntaro Tanigawa, etc. Tamén gustaría de traducir manga para o galego”.

Agora, coa vista xa posta na viaxe de regreso a Galicia agarda continuar coa súa tese de doutoramento e, tras tres anos traducindo obras do xaponés ao español, aposta por volver traducir ao galego. Pero sempre con retos pendentes, Gabriel Álvarez está decidido a continuar os seus estudos de coreano e pensando xa no seu próximo destino fóra de España.