DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Recomendación dos participantes nas "Xornadas sobre Igualdade" no campus de Vigo

Denuncia fronte aos casos de violencia sexual e acoso laboral

Só un 2% das denuncias por acoso sexual prodúcense no ámbito universitario

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
S. Alcázar DUVI 01/12/2009

A violencia sexual e o acoso laboral, especialmente cara as mulleres, son situacións que desgraciadamente forman parte da problemática social actual, pero ás que se intenta pór remedio a través de iniciativas como a proposta pola Universidade de Vigo coas Xornadas sobre Igualdade: amosar e previr o acoso e a violencia que este martes chegaron ao campus vigués. Centradas en achegar aos asistentes as diferentes situacións de acoso e violencia que poden darse no ámbito universitario, así como as estratexias de actuación ante estes conflitos, os participantes nas xornadas incidiron na necesidade de facer público o acoso, tamén nun ámbito como o universitario, onde só se rexistran un 2% de denuncias.
Enma Diéguez, perito-psicóloga do IMELGA en Vigo; Eva Souto, psicopedagoga do Gabinete Psicopedagóxico da Universidade de Vigo; Eva Ventín, graduada social e membro da Asociación Galega de Vítimas de Mobbing e Jaime Cabeza, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Univesidade de Vigo foron os protagonistas das xornadas este martes na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

Mobbing: o acoso laboral

Bossing, bullying, mobbing…Son moitos os nomes que recibe a persecución no posto de traballo que centrou a intervención de Eva Ventín, graduada social e membro da Asociación Galega de Vítimas de Mobbing, dende a que se ofrece apoio e asesoramento ás vítimas que sofren este tipo de acoso laboral, baseado na violencia psicolóxica contra un traballador co fin de destruír a súa reputación e perturbar o exercicio dos seus labores, logrando finalmente que abandone o lugar de traballo. Na súa intervención, Ventín achegou o concepto de mobbing aos asistentes, así como os diferentes tipos e fases do acoso e manifestou que “calquera pode ser vítima de mobbing no momento en que se converte nun estorbo para a empresa”. Así mesmo, destacou a importancia de diferenciar este conflito de outros que non son considerados mobbing, como é o caso de roces e diferenzas puntuais entre compañeiros ou a explotación. “O acoso laboral caracterízase por prolongarse durante un extenso período de tempo co obxectivo de desfacerse do traballador, o que non se dá nos casos de explotación, posto que quen a exerce está interesado na permanencia do obreiro no seu posto de traballo para sometelo” explicou Ventín. A graduada social que expuxo tamén as diferentes fases nas que se conforma a presión laboral, transmitiu a necesidade de reacción por parte das vítimas ante a situación de acoso e a importancia de loitar polos seus dereitos, posto que a súa iniciativa pode ser clave para evitar que a situación volva a repetirse.

A violencia sexual: como e por que se dá

Emma Diéguez que centrou a súa intervención na violencia sexual, destacou o papel dos psicólogos á hora de valorar as reaccións e consecuencias do acoso, proporcionando as solucións pertinentes en cada caso. Diéguez estableceu as pautas para facer fronte a unha agresión pola vía xudicial, explicando aos asistentes o procedemento para interpor unha denuncia: onde facelo, como é tramitada e a posterior realización dun informe pericial. A perito-psicóloga destacou a necesidade de facer unha denuncia cando a situación o require, algo que segundo Diéguez “ás veces é un paso moi difícil para algunhas persoas que teñen medo á vinganza do agresor, ou ben non o fan por vergoña a seren xulgadas ou polo sentimento de culpabilidade”. Pola súa banda, Eva Souto, responsable do Gabinete Psicopedagóxico da Universidade, uniuse á defensa da mesma idea que Diéguez trasladando a problemática ao ámbito universitario, no que as denuncias se reducen a un 2%. A psicopedagoga puxo de manifesto que “aínda falta moito recoñecemento da violencia sexual na universidade, provocado pola falta de denuncias. As vítimas teñen medo a non ser cridas e teñen dúbidas sobre a quen acudir” e recomendou como principal estratexia de actuación acudir a lugares especializados nos que se proporcione a axuda necesaria en cada caso, como é o Gabinete que Souto dirixe, no que se proporciona formación e información aos interesados.
Jaime Cabeza, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Univesidade foi o encargado de poñer fin ás xornadas coa súa intervención, tras a que tivo lugar un obradoiro impartido por Mercedes Oliveira, doutora en Filosofía e catedrática de Ensino Secundario, no que abordou a prevención da violencia nas relacións de parella, o eido no que se rexistran máis casos de agresións, fundamentalmente cara ás mulleres.

A formación sobre igualdade trasládase ao campus pontevedrés

As Xornadas sobre Igualdade na Universidade: amosar e previr o acoso e a violencia trasladaranse este mércores ao campus de Pontevedra, tras o seu paso por Ourense e Vigo, con actividades centradas na educacíón e prevención da violencia na universidade, que tamén contará coa colaboración de Mercedes Oliveira para achegar aos asistentes o obradoiro sobre Prevención da violencias nas relacións de parella. A licenciada en Ciencias Políticas e Socioloxía e profesora de Socioloxía da Universidade, Amada Traba, será a encargada de introducir a xornada cunha presentación sobre A violencia no ámbito universitario e a violencia simbólica. Despois da súa intervención dará comezo a mesa redonda na que, ademais de ela, tomarán parte Anna Amorós, doutora en Ciencias da Comunicación e profesora de Comunicación Audiovisual e Publicidade na Universidade de Vigo e Mariana Carballal, actriz, licenciada en Arte Dramática, especialidade de Interpretación e profesora de Dirección Escénica e Interpretación da Universidade. As tres poñentes exporán as súas conclusións sobre O tratamento da violencia nos medios de comunicación