O profesor Xosé Manuel López representa á Universidade no Cigré, un grupo de traballo internacional
O Departamento de Enxeñaría Eléctrica traballa na mellora dos transformadores para evitar apagóns
Este equipo reúne ás principais empresas eléctricas, fabricantes e investigadores
A demanda xurdiu das empresas eléctricas, as utilities, porque son as maiores prexudicadas polos apagóns que sofren cidades e industrias por fallos nos transformadores. Ante este petición naceu en 2008 o grupo Cigré, un equipo de traballo internacional que reúne ás compañías eléctricas, aos fabricantes de transformadores eléctricos e a investigadores de varias universidades. O profesor do Departamento de Enxeñaría Eléctrica, Xosé Manuel López Fernández representa á Universidade de Vigo neste grupo que ten como finalidade “estudar o comportamento do transformador eléctrico cando está sometidos a transitorios de alta frecuencia” para poder introducir na normativa internacional especificacións que teñen que seguir os fabricantes para evitar estes fallos.
Estes días, 16 dos seus membros mantiveron en Vigo unha xuntanza para facer unha posta en común “da experiencia a través dos diferentes membros do grupo, un de cada país”, para tratar de avanzar nos puntos principais que determinen os cambios na normativa. Anteriormente, Cigré mantivo reunións en Manchester, Cidade do Cabo, Foz de Iguazú, Lisboa e agora en Vigo co a vista no 2012 para presentar as conclusións e o informe definitivo.
O problema, transformadores cada vez máis pequenos
Os apagóns son o detonante das demanda das compañías eléctricas, as maiores prexudicadas xunto cos usuarios nestes casos. Segundo explica o profesor López Fernández, a clave reside na redución do tamaño dos transformadores, cada vez máis compactos. “Os transformadores están deseñados para unhas determinadas condicións de traballo en base a valores de tensión, sen embargo, ante transitorios pode darse o caso de que se provoque resonancia dentro do propio transformador, e o que era externamente unha tensión de baixo valor convértese en alta tensión dentro do transformador. Isto orixina o fallo do material dieléctrico e, polo tanto, o transformador queda fóra de servizo e por conseguinte hai apagón”. Esta é a cadea de acontecementos e a solución pasaría por establecer unha normativa que tiveran que cumprir os fabricantes, “con isto aseguraríase que o transformador soportaría os transitorios de alta tensión”. Entre as compañías e os fabricantes están as universidades como mediadores, neste grupo Cigré xunto coa de Vigo están a Manchester e a de Delft, en Holanda.A solución, cambios na normativa
Para evitar este tipo de problemas técnicos, as empresas eléctricas demandan un cambio na normativa e lembran que o transformador é un elemento clave no sistema. Pola súa importancia, esta xuntanza en Vigo reuniu a 16 representantes de países como Xapón, China, Francia, Holanda, Brasil, Dinamarca, Noruega, Alemaña, España.O profesor López Fernández lembra que “dende os transformadores de cabeceira das centrais eléctricas ata o consumidor, hai un transformador con cada conversión da corrente” e as consecuencias dos apagóns poden ser moi graves, en primeiro lugar económicas para todo o consumidor que está enganchado a esta rede. “O transformador non só representa o seu valor en si”, explica, “estamos falando de transformadores que poden valer 4 millóns de euros, con todas as consecuencias que isto conleva”.